As Pontes continúa mellorando a rúa Casilla

O Concello das Pontes de García Rodríguez atópase en fase de licitación do proxecto de mellora da rúa Casilla. Unha intervención integral, cun orzamento de 205.000 euros, con cargo á Deputación da Coruña, que busca optimizar a pavimentación peonil, renovar as redes de alumeado e recollida de pluviais e mellorar a seguridade e a accesibilidade do viario.

O ámbito de actuación abrangue o tramo que vai desde o cruce coa rúa Eduardo Pondal, na marxe dereita, e desde a estación de servizo, na marxe esquerda, ata a confluencia coa avenida das Veigas.

O proxecto contempla a demolición das beirarrúas existentes e a execución dunha nova pavimentación en formigón coloreado, cun ancho mínimo de 1,80 metros e un ancho medio de 2,40 metros, adaptada a criterios de accesibilidade universal, con sinalización táctil e visual en zonas de risco ou cambios de nivel.

Ademais, renovarase completamente a rede de recollida de pluviais mediante colectores e embornais prefabricados, e substituirase o alumeado público por unha instalación soterrada con farois LED de alta eficiencia, garantindo unha iluminación óptima tanto da calzada como das beirarrúas.

Como complemento, instalarase novo mobiliario urbano na zona da estación de servizo, con dúas marquesiñas, un banco e unha papeleira, e procederase á actualización da sinalización vertical e horizontal conforme á normativa de seguridade viaria.

Esta actuación dá continuidade ao plan do Goberno Local de mellora do espazo público no barrio da Casilla, que nos últimos anos experimentou unha transformación significativa tras o peche da antiga explotación mineira e a creación do lago artificial, convertido nun referente paisaxístico e social da localidade.

Lea también

O Concello de San Sadurniño fai un chamamento á concienciación veciñal para evitar os depósitos ilegais de voluminosos

Unha porta vella, un bote de pintura baleiro, tres sofás, un moble de madeira, caixas …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *