Educación licita en Ferrol e Narón a rehabilitación de varios centros

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destinará máis de 4,7 M€ a estas tres actuacións, que se acometerán ao longo de 2026. Deste xeito o Goberno galego inicia os trámites para a contratación destas primeiras obras comprometidas para este ano.

Centro Integrado de FP Leixa, Ferrol

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destinará máis de 4,7 M€ a estas tres actuacións, que se acometerán ao longo de 2026.

A Xunta de Galicia vén de licitar as obras de rehabilitación integral do Centro Integrado de FP Leixa (Ferrol), do Instituto Sofía Casanova (Ferrol) e do CEIP A Gándara (Narón). A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destinará máis de 4,7 M€ a estas tres actuacións, que se acometerán ao longo de 2026 e se enmarcan no Plan de nova arquitectura pedagóxica. As tres obrasteñen como finalidade mellorar o confort térmico dos centros, ao tempo que se reduce o seu consumo enerxético.

No caso do CIFP Leixa, cun orzamento de máis de 1,8 M€ a actuación contempla a modernización da envolvente térmica dos tres edificios que compoñen o centro. Isto supón colocar 3.165,63 m² de nova cubrición, que será de panel sándwich con acabado de chapa nervada de aceiro cor gris e con illamento intermedio. Ademais, instalaranse novos canlóns e baixantes de chapa de aceiro galvanizado. No que atinxe ás fachadas, aplicaranse 2.523,21 m² de sistema de illamento térmico polo exterior (SATE).

Así mesmo colocaranse 192 novas fiestras e 15 portas, substituiranse todas as luminarias (1.032 en total) por outras con tecnoloxía LED, incluíndo a colocación de 288 luces de emerxencia, e renovaranse os falsos teitos en todo o centro. Unha vez rematadas estas obras redundarán nun aforro de máis do 40% tanto no consumo de enerxía como nas emisións de CO₂.

O programa inclúe tamén a Instalación de tres ascensores, un por cada edificio, pequenas modificacións na distribución de espazos interiores, a reforma dos aseos da planta baixa do edificio central e a instalación dun novo pavimento no actual ximnasio, que cambiará o seu uso ao de salón de actos, entre outras intervencións.

Intervención no Sofía Casanova

Cun orzamento de máis de 1,3 M€ no IES Sofía Casanova instalaranse 2.566 m² de cuberta nova de panel sándwich e illamento térmico de poliestireno extruído de 8 cm e aplicaranse 2.425 m² de sistema de illamento térmico SATE nasa fachadas. Ademais mudaranse 150 fiestras e portas por unhas novas de aluminio con rotura de ponte térmica e vidros de dobre acristalamento, baixo emisivos, acústicos e de seguridade e cámara de aire intermedia.

Tamén se mellorará a eficiencia da iluminación nas aulas mediante a instalación de 1.034 luminarias LED e 147 de emerxencia, sistemas de regulación lumínica e coa instalación de falsos teitos modulares acústicos para mellorar o confort no interior das aulas, laboratorios e talleres. A maiores, realizaranse reformas no sistema de calefacción e renovarase a cuberta do patio exterior.

Esta rehabilitación vai permitir acadar un aforro de máis do 60% en consumo de enerxía e de case o 65% en emisións de CO₂.

Modernización en Narón

No caso do CEIP A Gándara, a intervención licítase por mais de 1,4 M€ e inclúe o illamento térmico da fachada con sistema SATE, dándolle tamén un acabado máis moderno ao edificio, a substitución de carpinterías exteriores por unhas novas de alta eficiencia enerxética que melloren o illamento térmico e acústico e a colocación dunha nova cuberta de panel sándwich con illamento de la de roca.

Ademais, instalarase un lucernario de placas translúcidas planas de policarbonato celular. A maiores, mellorarase a accesibilidade do centro coa instalación dunha rampla na fachada posterior e colocaranse falsos teitos con luminarias led no interior do colexio.

Máis de 16 M€ en Ferrolterra

Con estas licitacións o departamento educativo do Goberno galego inicia os trámites para a contratación destas primeiras obras comprometidas para este ano, un total de 16 en toda Galicia, cun investimento total de máis de 16 M€. No conxunto do ano, o investimento da Xunta en obras en centros educativos ascenderá a un total de 73,6 M€, un 4% máis.

Estas actuacións elevan a 16 M€ o investimento do Plan de nova arquitectura pedagóxica nos centros educativos de Ferrolterra, onde xa se executaron actuacións de tanta relevancia como as rehabilitacións integrais do CEIP Almirante Juan de Lángara y Huarte (Ferrol, 1,4 M€) e do IES de Catabois (Ferrol, 762.000€), a instalación de varios ascensores nos centros educativos de Narón e Neda (355.000 €) ou a seforma de cociña- comedor do Centro Público de Atios (Valdoviño, 315.000 €).

Neste momento está en execución a ampliación do Centro Público Integrado As Mirandas (Ares, 3 M€) e o cambio de cuberta do Centro de Educación Especial Terra de Ferrol (600.000 €).

Ademais, están comprometidas para o futuro a ampliación do CIFP Ferrolterra (Ferrol, 2,5 M€), a reforma da cuberta do CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro (Ferrol, 700.000 €), a pista cuberta do IES Ricardo Carvalho Calero (650.000€), a do IES Concepción Arenal e o pavillón do IES Ferrol Vello (ambas con orzamento aínda por concretar).

Lea también

Detenida una persona por tráfico de drogas en un punto negro de venta de Ferrol

La Policía Nacional ha detenido el pasado sábado a una persona en las inmediaciones de …