ABANCA e Afundación entregan a Cáritas, Cruz Vermella e a Fundación Madrina 2.340 xoguetes novos para repartir en Reis

A acción forma parte da campaña solidaria de Nadal ‘Debuxar sorrisos’ impulsada polo banco e a súa Obra Social.

Na imaxe, un dos 14 lotes de xoguetes entregados por ABANCA e Afundación a Cáritas, Cruz Vermella e a Fundación Madrina.

ABANCA e Afundación entregaron este pasado martes a Cáritas, Cruz Vermella e a Fundación Madrina un lote de 2.340 xoguetes novos no marco da súa campaña solidaria de Nadal ‘Debuxar sorrisos’. As tres organizacións sociais encargaranse agora de repartir os agasallos entre nenos e nenas de familias que están a vivir momentos complicados, asegurando que teñan unha sorpresa nas súas casas o Día de Reis.

A distribución dos xoguetes realizarase en 14 localidades de Galicia, León, Asturias, Estremadura, Madrid, País Vasco, Comunidade Valenciana e Andalucía, zonas onde a entidade bancaria mantén unha presenza significativa. Cáritas repartirá os agasallos na Coruña, Santiago, Ourense, Pontevedra, San Sebastián, Valencia e Sevilla. Cruz Vermella fará a repartición en Vigo, Lugo, Ferrol, León, Oviedo e Mérida. En Madrid encargarase a Fundación Madrina.

Ademais desta entrega de xoguetes, a campaña ‘Debuxar sorrisos’ inclúe unha vertente de recadación de fondos solidaria a través da web dibujarsonrisas.abanca.com. Esta plataforma estará habilitada ata o próximo 30 de decembro para todas as persoas que desexen realizar a súa achega. Neste caso, o diñeiro reunido entregarase integramente a Unicef.

 

Lea también

CNC considera “prácticamente nulo” el impacto de la huelga general en el sector de la construcción

La Confederación Nacional de la Construcción (CNC) informa de que la huelga general convocada para …