O último pleno municipal ordinario do ano en Narón deu luz verde por unanimidade á participación do Concello na segunda fase do POS+ Adicional 4/2025 da Deputación da Coruña que, cun investimento total de 546.799,35 euros, se destinará a dous proxectos deportivos.
A proposta aprobada responde á planificación realizada desde o Concello, que optou por non destinar fondos a gasto corrente nin a redución de débeda e concentrar a totalidade dos recursos dispoñibles en investimentos permanentes. Esta elección permite canalizar a achega asignada a actuacións concretas que melloran servizos municipais e infraestruturas de uso público.
Neste marco, priorizouse a construción dun campo de fútbol de céspede artificial en Sinde–O Val, unha dotación destinada a dar resposta á demanda de clubs e usuarios da zona, así como a habilitación dun almacén para a práctica do piragüismo en Xuvia, vinculada á actividade deportiva e ao aproveitamento da contorna fluvial. Ambas actuacións foron seleccionadas polos servizos municipais como investimentos financeiramente sostibles e compatibles coa situación orzamentaria do municipio.
O acordo plenario inclúe tamén o compromiso do Concello de incorporar nos seus orzamentos a achega municipal necesaria, e solicitou á Deputación a delegación da contratación e execución das actuacións incluídas no plan.
Outros acordos
No transcurso da sesión plenaria saíron tamén adiante outras propostas incluídas na orde do día. Entre elas, un recoñecemento extraxudicial de créditos que permite regularizar obrigas correspondentes a exercicios anteriores, así como a aprobación inicial da depuración de saldos contables de dereitos pendentes de cobro por prescrición.
Outro dos puntos avalados foi a subsanación dun erro material no acordo plenario de novembro relativo á prórroga do convenio do transporte metropolitano de Galicia na área de Ferrol, co obxectivo de axustar correctamente as anualidades do gasto plurianual.
Así mesmo, recibiu o visto bo do Pleno un recoñecemento extraxudicial de crédito a favor do Concello de Ferrol correspondente aos gastos do servizo de depuración e vertedura de augas residuais do ano 2024.
Mocións
No apartado de mocións, aprobáronse varias iniciativas presentadas polos grupos municipais da oposición. Entre elas, a do PP para a mellora da seguridade viaria e accesibilidade de peóns e vehículos en diferentes zonas do municipio de Narón e outra para a mellora, sinalización e mantemento dos hidrantes de incendio exteriores e para a adecuación dos accesos dos vehículos de emerxencia.
Tamén foi ratificada polo Pleno a moción do grupo municipal do BNG sobre a vaga de lumes forestais que asolou Galicia no mes de agosto e as medidas necesarias para evitar que se repita esta catástrofe mediante una política de prevención e unha xestión integral do medio.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
