A programación de Nadal das Pontes reúne a centros de persoas e logra tres cheos absolutos

O Concello de As Pontes fai un balance moi positivo da programación especial de Nadal desenvolvida esta pasada fin de semana, que rexistrou tres cheos absolutos e confirmou a excelente acollida das propostas culturais e de lecer pensadas para persoas de todas as idades.

Fuente Concello de As Pontes

A programación comezou o venres coa actuación da compañía local Picariños, que encheu a Casa Dopeso co espectáculo infantil “A Maxia do Nadal”, dirixido ao público máis novo. Música, risas, baile e moita diversión marcaron unha proposta pensada para nenos e nenas de entre 2 e 8 anos, que permitiu conectar ás crianzas co espírito destas festas a través dunha experiencia lúdica, participativa e chea de maxia.

O sábado, ás 18:00 horas, foi a quenda da música en directo coa actuación da Orquestra Os Satélites, que ofreceu o tradicional Baile de Nadal no Patio do Colexio Santa María. Durante preto de tres horas, o público asistente gozou dun concerto cheo de ritmo e bo ambiente, nun espazo que rexistrou tamén un cheo absoluto e que se converteu nun punto de encontro interxeracional arredor da música e da danza.

Fuente Concello de As Pontes
Fuente Concello de As Pontes

A fin de semana pechouse o domingo cun novo éxito de público no Auditorio Municipal Cine Alovi, que se encheu para acoller a IV Gala Internacional de Ilusionismo “As Pontes ten Maxia”. Cunha duración de 90 minutos, a gala contou coa participación de recoñecidas e recoñecidos magos internacionais como Mago Murphy (Madrid), Dania Díaz (Venezuela), Peio Rivas (Bilbao), Edama (Logroño) e Bonjin Koo (Corea do Sur), ofrecendo unha noite chea de sorpresas, emoción e ilusión para persoas de todas as idades.

A concelleira de Cultura, Lorena Tenreiro, destacou que “a resposta da veciñanza confirma o interese por unha programación cultural diversa e pensada para todos os públicos, que converte o Nadal nun tempo de encontro, participación e convivencia”. Así mesmo, subliñou “a importancia de seguir apoiando ás compañías locais e de ofrecer propostas accesibles e de calidade para todas as idades”.

A programación de Nadal continuará ao longo dos vindeiros días cunha ampla oferta de actividades culturais e de lecer. Do 22 ao 30 de decembro e o 2 de xaneiro, as crianzas e a mocidade poderán desfrutar do Tempo de Nadal, un espazo de xogo infantil e xuvenil situado no Patio do Colexio Santa María, aberto entre as 16:30 e as 20:30 horas.

Trátase dun programa dirixido a todos os públicos que inclúe actividades pensadas para fomentar a creatividade, a diversión e o xogo en grupo, con espazos como Rolly Toys, Cocina con SuperThings, Circuito Carrera, Playmobil e un Evento Pirata, garantindo unha experiencia lúdica segura e inesquecible durante estas datas tan especiais.

O martes 23 de decembro, terá lugar o Concerto de Nadal da Banda Escola de Música das Pontes ás 19:30 horas no Auditorio Municipal Cine Alovi, mentres que o xoves 24 de decembro, a Charanga Os Celtas percorrerá as rúas da vila entre as 12:30 e as 14:00 horas, enchendo As Pontes de música e ambiente festivo.

Ademais, o sábado 27 de decembro, Xampatito Pato presentará o espectáculo “Compaña” ás 18:00 horas no Auditorio Municipal Cine Alovi, cunha duración de 50 minutos. As entradas teñen un prezo de 3 euros e poden adquirirse a través da web municipal de venda de entradas:

https://aspontes.sacatuentrada.es/

Desde o Concello de As Pontes reafírmase a aposta por unha programación de Nadal diversa, inclusiva, accesible e de calidade, que continúa dinamizando a vila e ofrecendo propostas culturais e de lecer para toda a veciñanza ao longo das festas.

Fuente Concello de As Pontes
Fuente Concello de As Pontes

Lea también

Neda vuelve a licitar las obras de sustitución de todo el conjunto de ventanas de la Casa da Cultura

El Ayuntamiento de Neda licita, por segunda vez, las obras de sustitución de las ventanas …