Medio século de vida do colexio Couceiro Freijomil–(José Fonte Sardiña)

José Fonte Sardiña
Supuxo para min unha emoción enorme entrar o pasado día dezanove de decembro polas portas do colexio ―construído nos vellos terreos ocupados pola fábrica de curtidos e a lendaria casa de María Somorrostro― que un magnífico equipo de mestres ―con don Pablo Díaz Novo como director― e os meus queridos compañeiros ―eu
como alumno de quinto de EXB, con dez anos e aínda con pantalóns curtos― estreamos en 1974, daquela chamado Colegio Nacional Arzobispo Rajoy, e participar na celebración ―graciñas á súa directora Dámaris Castro Pérez por convidarme― do primeiro medio século de vida desde que foi denominado Couceiro Freijomil (A vella fábrica de curtidos).

O sete de febreiro de 1975, hai polo tanto medio século, a corporación municipal eumesa aprobou o cambio de nome para o centro escolar, que pasou a chamarse Colegio Nacional Couceiro Freijomil, en lembranza do primeiro e único membro de número que  Pontedeume tivo na Real Academia Galega. Antonio Couceiro Freijomil, autor da Historia de Pontedeume e a súa comarca, naceu na nosa vila, na rúa de Santo Agostiño, ás sete da tarde dun dous de xuño de 1988 (Autorretrato de Couceiro e Porta de entrada da Real Academia Galega).

Eu, que tamén nacín nesa rúa de Santo Agostiño e que ―coas primeiras redaccións, as análises sintácticas e morfolóxicas e as lecturas comentadas dunha antoloxía literaria que era un dos nosos máis prezados tesouros― vin abrollar en min neste colexio a vocación pola filoloxía ―que quere dicir amor pola palabra―, sinto un inmenso orgullo de que este gran pedagogo eumés, autor do artigo “Los idiomas regionales en las escuelas”, publicado en Ecos del Eume en 1918, no que falaba da necesidade de introducir a lingua galega nas aulas, e de “El idioma gallego. Historia, gramática y literatura”, en 1935, lle dea o seu nome a unha institución fundamental na miña formación (Entrada do vello Couceiro).

A do nome non foi a única mudanza. O novo colexio trouxo para nós moitos cambios. Un deles, que por primeira vez compartimos aula coas nenas. Os nosos mestres, agás en Párvulos, foran tamén, ata daquela, todos homes e as profesoras das rapazas, só mulleres (Mestres e persoal non docente do Couceiro).

Outra das novidades foi que nos xuntamos con alumnado que non era da vila e viña das parroquias eumesas de Andrade, Nogueirosa, Ombre, Vilar, Breamo, Boebre ou Centroña; do concello irmán de Cabanas, os da Banda á Ponte; e mesmo internos de toda a provincia da Coruña (Alumnado e profesorado de oitavo de EXB do curso 1977-
1978).

Comezamos a ter clase de Música, que, como nos contaba María Lamas, era a arte de ben combinar os sons e mais o tempo, e de Educación Física ―impartida por Antonio Freijomil―, con aquela camiseta amarela cos aros olímpicos e o escudo de Pontedeume no peito, con salto de plinto, canastras e porterías de balonmán. E mesmo tiñamos un
patio cuberto para saír ao recreo aínda que caese auga a cachón; isto si que era unha boa nova e un auténtico luxo. Nas escolas anteriores, cando chovía, había que quedar na aula, que non era cousa de coller unha pulmonía (Equipo feminino de baloncesto adestrado polo mestre don David Díaz, coas camisetas amarelas do colexio).

No ano 1975, no que o centro escolar comezou a chamarse Couceiro Freijomil, morría Franco, e iso si que trouxo verdadeiros cambios, para España, Galicia e tamén, claro, para Pontedeume. Os aires renovadores da democracia e a agradable e fresca brisa da liberdade entraban por todas as fiestras do país e tamén polas do noso colexio. Eliximos por votación, por vez primeira, delegados de curso nas aulas e comezamos a oír falar de partidos políticos ―que celebraban os seus mitins no comedor do colexio―, referendos, eleccións para escoller un parlamento libre que fixese unha constitución democrática… A inmensa maioría desexaba ser coma o resto das nacións da Europa
occidental e todo indicaba que empezabamos a percorrer ese camiño (Aulas do vello Couceiro).

A lingua galega, ausente case por completo do eido educativo na nosa terra, comezou a aparecer, malia que en principio moi timidamente. Houbo que agardar ata o ano 1979 para que se empezase a impartir a materia de lingua e literatura galegas porque ata daquela non figuraba na programación docente. Así e todo, un dos novos profesores, o poeta Xoán Xosé Fernández Abella, presentou no colexio en 1976 o seu primeiro libro titulado Poemas galegos. Inquietudes, hallazgos y otros poemas, catorce deles escritos na nosa lingua nai. O novo mestre dicía na aula e nos seus versos cousas tan inauditas para nós no colexio como que “a min a lingua galega / naide ma pode tirar. / Aínda que mudo ficase, / falaríaa co pensar” (O mestre Fernández Abella no Recital Poético Ramiro Fonte 2017, onde pediu, cunha décima, un Día das Letras Galegas para o noso máis grande escritor).

El foi o que lle puxo letra en galego ao himno do colexio, na que nos transmitía a fermosa lección de que tiñamos que ser compañeiros sempre e camiñar por vieiros de nobreza e bondade; tamén nos animaba a escoitar as verbas santas do amor e da xustiza, e a levar nos corazóns a arela acendida de que o amor fose o latexar da nosa vida (O
novo Couceiro).

A compositora foi outra magnífica mestra, María Lamas Vázquez, unha eumesa de toda a vida e de familia con avoengo musical que, ademais de impartir as súas clases, se encargaba de dirixir o coro do colexio, que cantou o himno en público por primeira vez en 1977 (Partitura do himno do Couceiro).

O meu tío avó Ramón Fernández Barral fora mestre no Barro durante a República en Pontedeume, eu fun profesor de lingua e literatura en Bacharelato, a miña muller é catedrática de Dereito Civil na Universidade de Santiago de Compostela e o meu fillo máis novo, mestre de Primaria coa especialidade en Pedagoxía Terapéutica, por iso sei ben a importancia que teñen o ensino público e os colexios coma o Couceiro, que vén formando eumeses durante cincuenta anos.

Celebración 50 anos

Graciñas de corazón a todos os mestres que por aquí pasaron e tamén ao persoal non docente do centro. Feliz medio século de vida ao noso querido colexio Couceiro Freijomil e que os que vivan en 2075 ―eu estarei xa criando vermes en Porto― poidan tamén celebrar coa mesma alegría o seu primeiro centenario.

 

 

Lea también

Encantados–( Julia María Dopico Vale y Piñeiro )

Julia María Dopico Vale y Piñeiro Como es habitual en estas fechas navideñas la Asociación …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *