Cantemos panxoliñas, que é o noso-(Xosé Paz Fernández)

Xosé Paz Fdez. (Drtor. Coral Polif. Eumesa)

Entre as coplas e cantigas que se compuxeron adrede para as distintas datas do ano, as máis ledas, feiticeiras e xoguetonas, son as que configuran as chamadas panxoliñas, que forman parte dos cantos do nadal. Elas son as máis entrañables polo seu recollemento familiar e tamén pola súa estructura musical e sinxela, e pola poesía dedicada ó Neno que vai nacer. O número de cantigas dedicadas á temática nadaleira é moi abondoso, e moi ben poidera clasificarse en distintos grupos: cantos de berce, villancicos, nadaliñas, panxoliñas, pastorelas, cantos de nadal, etc.

Nalgunhas partes da nosa terra, non moitas, aínda se conserva o de cantar polas rúas e outros lugares, para
ofrecer ás xentes as mostras dos bós desexos e felicitacións cheas de amor que pretenden ir reflectidos en
cantigas sobor de todo para o neno nado en Belén.Os cantos do nadal eran feitos na nosa terra e na nosa fala,
chegando a ser moi populares. Os outros cantos de hoxe en día xa son mostras de panxoliñas, as máis escasas,
villancicos doutras rexións e cantos de fóra, países nos que predominan os anglo-saxons. Tamén se oen agora,
traducción destas obras ao galego. E por certo xa son moitas as que entran a formar parte das interpretación
nestas datas.

Aguinaldo Tele Club pro parque infantil. Director Pepucho Paz. 1968

Quizais as xentes de agora valoren máis as cousas que nos chegan de fora e ás da casa non lles dean tanta
importancia. Musicalmente tamén se pode falar de calidade; son moitos os grandes compositores, alleos a Galiza,
que teñen feito obras en especial para o ciclo de Nadal e o nome deles xa axuda ó seu espallamento. A radio e a
TV… siguen un camino marcado polas finanzas ás veces e imponen unhas liñas melódicas baseadas nun
machaqueo a cotío do mesmo son.

Pero a verdade é que todo o alleo a Galicia non está empapado de espírito galego, tan noso, que tanto agroma
nas panxoliñas galegas. Noutrora, calquer paisán cun pouco de idea, ten feito algunhas letras. E estas saíndolle
dende o máis fondo da alma ían tomando forma no pobo, que lles facía os seus propios arranxos axeitándoas á
súa comenencia, para espallalas mellor. Un xeito de cantar as panxoliñas, daquela, era poñéndose os cantores ou
cantoras, uns enfronte doutros facendo un circo e agarrándose polos hombreiros os uns ós outros. Media ducia
de componentes xa facía o grupo dos cantores.

Coro F. de Xuventudes 1951-52

Dentro do monllo de villancicos e panxoliñas que soa pola bisbarra eumesa, diremos que moitas delas son de
autores locais que contribuiron co seu saber e inspiración a medrar a riqueza poético musical destas datas. Pero o
canto das panxoliñas e outros parecidos, coñecidos como dos aguinaldeiros pedindo “algo” case que está
borrado da maior parte dos lugares da nosa terra, e xa son poucas as vilas e cidades nas que sigue a manterse
esta tradición de aledar ás xentes.

Coro escolar de Orientación Marítima-1955

En Pontedeume, poidera ser que exista unha pequena recuperación tradicional despóis do 1970 cos aguinaldos
organizados polo Teleclube da Xuventude. Dende o valeiro do 1955 en diante, houbo recuperación e empuxe
nalgúns anos e logo de novo outro esquecemento ata a década seguinte, do 1972, no que un grupo de xente
notando a falla dos aguinaldos e copiando o que pasaba nos Promenade Concerts dende 1895, nalgún lugar de
Inglaterra, déu en facer algo parecido: cantar na rúa nun punto fixo, e contando coa achega das xentes oíntes, e
espontáneos espectadores, para facelo en conxunto. A estas dábanselle papeis coas letras: populares ou novas,
para ler e cantar, que co paso dos anos se fose facendo tradicionais.

Poucas son as músicas-cantos que se oirán, (6-7) entre elas as eumesas, pero varían segundo as súas temáticas:
panxoliñas, vilancicos, cantos de nadal, e tamén villancicos alleos a Galiza, e velaiquí que é onde os autores locais,
e galegos teñen o momento de transmitir as suas composición verquidas pero agochadas nas súas mentes ou
lares.

Aledar ás xentes nestos días, ó tempo de transmitir a musa poético-musical, é polo que queremos un ano máis
continuar esta tradición de moitísimo tempo na vila. A riqueza popular querémola espallar así ó noso xeito, polo
que na tarde noite do día 24, NOITEBOA, nos baixos do Concello de Pontedeume, ás 20 horas, estaremos a espallar estos sons do nadal, mesturando as nosas voces coas que se sintan empáticas desta esta actividade popular, e para elo daremos unhas folliñas cos cantos, no intre do comezo deste curto acto cultural, para que “NAMENTRES O POBO CANTE, GALIZA SERÁ INMORRENTE”.

 

Lea también

El chaleco salvavidas de Donald para Pedro–(Marcos López Balado)

Marcos López Balad0 Podría decir que el presidente Pedro Sánchez se ahoga, pero si dejo …