Narón pon rumbo ao Nadal cunha programación chea de actividades

Narón xa respira ambiente de Nadal que irá estendéndose cunha programación pensada para converter as rúas, prazas e espazos culturais do municipio en puntos de encontro durante as próximas semanas.
 
 
Tras o simbólico acendido da iluminación o pasado 5 de decembro, o Concello dá comezo oficial este xoves á súa programación de Nadal 2025-2026, un calendario que mestura música, cultura, deporte e actividades familiares co obxectivo de animar a veciñanza a saír, compartir e vivir intensamente estas datas. A proposta esténdese ata comezos de xaneiro e chegará a todos os barrios de Narón.
 
A programación deseñada este ano polo Concello principia este xoves 18 de decembro no Pazo da Cultura (20:00 horas) cun dos pratos fortes do cartel: o concerto de música góspel “Michael Jackson Happy Days. O espectáculo ofrece unha reinterpretación dos grandes éxitos do rei do pop desde a sonoridade propia desta música relixiosa afroamericana, nunha proposta de carácter internacional que inaugura o calendario musical do Nadal naronés.
 
O espírito solidario do Centro de Recursos Solidarios (CRS) de Narón amplíase este sábado 20 de decembro coa celebración da XII Xornada Moteira Solidaria que terá o seu epicentro na Praza da Igualdade da Gándara. Organizada polo Moto Club Fojeteiros, a cita inclúe unha saída moteira e a chegada simbólica de Papá Noel sobre dúas rodas ao mesmo lugar onde haberá un punto de recollida de xoguetes, roupa e alimentos non perecedoiros para o CRS.
 
A programación reserva un papel protagonista á mocidade, con propostas deseñadas especificamente para este público. Entre elas, o Nadal Xove que do 19 ao 27 de decembro converterá a Casa da Mocidade nun espazo de encontro con obradoiros creativos, actividades lúdico-educativas e propostas de convivencia para mozos e mozas de 12 a 17 anos.
 
Neste mesmo espazo desenvolverase tamén o Narón LAB, un laboratorio creativo centrado na robótica, a programación e as disciplinas STEAM, activo entre o 16 e o 29 de decembro. As familias atoparán no CIMIX unha proposta singular entre o 26 e o 28 de decembro co obradoiro “Rumbo ao Oriente”, no que as persoas participantes poderán deseñar a súa propia carta aos Reis Magos seguindo modelos do século XVIII, nunha actividade guiada polo especialista Juan Luís Sequeiro. O Nadal infantil completarase con citas como “OHANA: o musical orixinal de Lilo & Stitch”, o 20 de decembro no Pazo da Cultura, ou o tradicional Concerto de Panxoliñas do 22 de decembro na Praza de Galicia, no que participarán varias corais locais e que cada ano se converte nunha das imaxes máis recoñecibles destas datas.
 
A música volverá soar con forza no Pazo da Cultura o 27 de decembro (19:30 horas) co Concerto de Fin de Ano de Sementeira, que non só pecha simbolicamente o ciclo de actuacións do Nadal, senón que tamén serve de escaparate para o traballo formativo desta Asociación Cultural Musical, que desde hai décadas traballa coa mocidade a través da súa escola de música e agrupacións. O Galician Magic Fest, o Festival Internacional de Ilusionismo de Galicia que se celebra o 29 de decembro no Pazo da Cultura (20:30 horas), volve situarse como unha das citas culturais máis relevantes do Nadal en Narón.
 
A gala reunirá sobre o escenario ilusionistas de recoñecido prestixio internacional, entre eles a maga Juliana Chen, o colectivo Magus Utopia ou o ilusionista galego Pedro Volta, nun espectáculo que destaca pola diversidade de estilos e pola súa capacidade para atraer público de todas as idades. Consolidado ao longo dos anos como un referente destas datas, o festival figura entre os eventos con maior afluencia de espectadores da programación municipal.
 
O ano despedirase cunha dobre cita clásica: a popular carreira A Trinataeundoce, a San Silvestre Naronesa, con inscricións abertas ata o 26 de decembro, que discorrerá pola estrada de Castela con saída ás 16.50 horas para rematar o ano de forma deportiva y festiva. Xa na madrugada do 1 de xaneiro, a partir da 1.00 horas, a Praza de Galicia converterase en punto de encontro para celebrar a chegada do Aninovo cunha Festa de Fin de Ano con música en directo e un espectáculo de fogos de artificio para dar a benvida a 2026.
 
A programación de Nadal en Narón manterá o pulso festivo tamén nos primeiros días de xaneiro, con propostas tradicionais e musicais. O 2 de xaneiro, a Gándara acolle un Obradoiro de Cantos de Nadal da man de Semente de Trasancos dirixido a familias, pensado para achegar ás novas xeracións o repertorio popular propio destas datas e fomentar a participación interxeracional arredor da música tradicional.
 
O colofón desta programación será a chegada das súas Maxestades de Oriente a Narón. É un dos momentos máis agardados do Nadal naronés, a Cabalgata de Reis, que o 5 de xaneiro partirá ás 18.00 horas do CEIP de Xuvia. O percorrido levará os Reis Magos pola estrada de Castela ata a Praza de Galicia, onde serán recibidos oficialmente pola corporación municipal e polos máis pequenos, repartindo ilusión ao longo do camiño. Un momento que, máis aló da tradición, converte as rúas da cidade nun espazo de encontro e celebración familiar para pechar as festas.
 
Xa o 3 de xaneiro, o Pazo da Cultura inaugura a súa programación de 2026 co concerto “Back to Glory Days”, un tributo a Bruce Springsteen encabezado polo músico Andrés Balado e banda en directo, que repasará algúns dos temas máis emblemáticos do artista estadounidense nunha cita pensada tanto para o público fiel do rock como para quen busca unha proposta musical de calidade. Como complemento a toda a programación, o Navitrén volverá percorrer o municipio os días 22, 23, 26, 27, 28, 29 e 30 de decembro e o 2, 3 e 4 de xaneiro.
 
Polas mañás realizará un traxecto entre a Praza do Concello e Xuvia (de 12.00 a 13.00 horas), e polas tardes circulará pola zona da Gándara con cinco frecuencias: 16.00, 17.00, 18.00, 19.00 e 20.00 horas, conectando zonas comerciais e barrios e converténdose nun dos atractivos máis visibles do Nadal en Narón. A información detallada da programación completa pode consultarse nos trípticos elaborados para a ocasión, así como na web do Concello, do Padroado da Cultura e nas redes sociais municipais.

Lea también

Narón impulsa o uso do galego nas felicitacións de Nadal a través do SNL

O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Narón pon en marcha un ano …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *