Conta atrás para a Trintaeundoce: inscricións abertas para participar na San Silvestre de Narón

O concelleiro de Deportes de Narón, Ibán Santalla, e o presidente da Agrupación Deportiva Náutico de Narón, Amando Guerrero, presentaron unha nova edición da Trintaeundoce, a tradicional San Silvestre naronesa que cada ano reúne a centos de participantes na cidade.
 
 
A carreira celebrarase o vindeiro 31 de decembro e o prazo de inscrición permanece aberto ata o 26 de decembro ás 23.59 horas, a través da web www.galitiming.com. O evento contará, un ano máis, con catro categorías adaptadas por idades. As persoas participantes nas modalidades Máster (1988 e anteriores) e Sénior (2009-1989) tomarán a saída ás 16.50 horas para completar un percorrido de 3.112 metros distribuídos en dúas voltas ao circuíto.
 
A categoría Promoción, destinada ós mozos nacidos entre 2016 e 2010, partirá ás 16.30 horas e cubrirá unha distancia de 1.556 metros, correspondente a unha volta. Finalmente, a categoría Pitufos, para nenos nados en 2017 e anos posteriores, sairá ás 16.20 horas e realizará un tramo aproximado de 200 metros.
 
A saída e a meta estarán situadas na Estrada de Castela, nº 336, nas inmediacións da glorieta de Freixeiro, mentres que o punto de retorno estará no mesmo vial, á altura do nº 525. O circuíto permanecerá pechado ao tráfico durante o desenvolvemento da proba. As cotas de inscrición establécense en 5 euros para a carreira absoluta, 2 euros para a categoría Promoción e participación gratuíta para Pitufos.
 
Os dorsais poderán retirarse o 31 de decembro na caseta de información turística situada xunto á saída/meta, na rotonda de Freixeiro. A entrega de premios terá lugar no parque de Freixeiro ao rematar a carreira absoluta. Haberá medallas para os tres primeiros clasificados de cada categoría e sexo. Na categoría Pitufos, de carácter non competitivo, entregarase un agasallo a cada participante. Ademais, os tres primeiros clasificados absolutos en categoría masculina e feminina recibirán un premio especial, e ao finalizar a proba realizarase un sorteo entre todas as persoas inscritas.
 
Na presentación do evento, o concelleiro de Deportes agradeceu a colaboración da AD Náutico de Narón e de todas as persoas implicadas nun evento que xa é unha cita destacada no calendario deportivo local. “É unha ocasión magnífica para despedir o ano facendo deporte e compartindo un ambiente festivo coa veciñanza. Animamos a todas as persoas a inscribirse e participar nesta San Silvestre que cada ano segue medrando na cidade”, sinalou Santalla.
 

Lea también

Verde limpio para la nueva camiseta del Racing

M.V. El conjunto racinguista presentó en la tarde de este jueves, día 30, su primera …