A Deputación da Coruña organiza un obradoiro de habilidades comunicativas dirixido ás mulleres do mar

A actividade está dirixida ás mulleres do mar, co obxectivo de favorecer unha maior presenza feminina nos espazos de decisión do sector pesqueiro.

A Deputación da Coruña, no marco da súa liña específica de apoio ao sector pesqueiro provincial e, en particular, ao colectivo das mulleres do mar, promove en colaboración coa Asociación Mulleres Salgadas un obradoiro de habilidades comunicativas orientado a reforzar a visibilidade deste colectivo. Así o confirmou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, tras a reunión que mantivo, xunto á deputada de Emprego e Medio Ambiente, Rosa Ana García, coa presidenta da entidade, María José Vales e a coordinadora xeral, Sandra Amézaga.

A acción formativa desenvolverase en Noia e está dirixida principalmente ás mulleres do mar da provincia, especialmente mariscadoras, redeiras, bateeiras e percebeiras. O seu obxectivo é mellorar as competencias comunicativas das participantes e favorecer unha maior presenza feminina nos espazos de decisión do sector pesqueiro, contribuíndo ao recoñecemento social e profesional dun colectivo clave para o desenvolvemento socioeconómico da provincia e para a sustentabilidade do sector primario da súa franxa costeira.

A contribución das mulleres do mar ao ámbito pesqueiro é esencial, tanto desde o punto de vista profesional como persoal. Alén do seu traballo diario, desempeñan un papel fundamental na diversificación económica e social dos seus territorios, na defensa da mellora das condicións laborais, na dignificación do sector e na garantía do relevo xeracional.

Con esta iniciativa, a Deputación da Coruña reafirma o seu compromiso co apoio ás mulleres do mar, co obxectivo de reducir as múltiples barreiras que aínda dificultan a súa participación activa nas organizacións profesionais e nos espazos públicos de decisión, favorecendo así o seu protagonismo e capacidade de influencia nos procesos de avance e sustentabilidade do sector pesqueiro.

O programa está dirixido a mulleres interesadas en participar activamente na vida social e colectiva, con especial atención ás mulleres do mar, e contará cun máximo de 16 participantes. Desenvolverase ao longo de dez sesións semanais, cun total de 25 horas de formación, a partir de febreiro de 2026.

A formación será impartida pola Asociación Mulleres Salgadas, que empregará unha metodoloxía vivencial, práctica e participativa, centrada no intercambio de experiencias e na aprendizaxe colaborativa.

Mulleres Salgadas é a primeira e única asociación autonómica galega de mulleres do mar. Nacida no ano 2016, converteuse nun referente do sector pesqueiro galego e europeo, representando a máis de 2.000 mulleres que desenvolven a súa actividade en todos os ámbitos relacionados co mar. Desde os seus inicios, e debido ao seu carácter pioneiro, a asociación ten como obxectivo principal reivindicar o recoñecemento e a valorización do traballo feminino no sector pesqueiro, promovendo a igualdade e o feminismo neste ámbito.

A súa participación no comité estratéxico de AKTEA, a Rede Europea de Organizacións de Mulleres da Pesca, reflicte o seu firme compromiso coa visibilización internacional das mulleres do mar e coa defensa dos seus dereitos e intereses.

Lea también

Los sindicatos de auxiliares de Navantia en la ría de Ferrol reclamarán una tabla salarial única y con subidas

La propuesta unitaria, con incrementos «sustanciales«, busca eliminar la brecha entre aceros y servicios. Los …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *