Narón promove a feira “Pegadas do Nadal” en apoio ás entidades sociais e á protectora Cometa

O Concello de Narón organiza, coa colaboración da Asociación Cometa, unha nova edición da feira solidaria “Pegadas do Nadal”, unha proposta festiva e de carácter benéfico destinada a reunir alimentos e apoio económico para o Centro de Recursos Solidarios (CRS) de Narón e para a protectora de animais. A cita será este próximo sábado 13 de decembro no pavillón da Mocidade da Gándara.
 

Na presentación este luns do evento participaron a concelleira de Feiras, Mar Gómez, e Iria Saavedra, membro da xunta directiva de Cometa, que salientaron o valor comunitario dunha iniciativa que combina música, baile, actividades familiares con compromiso social.

 
A feira abrirá ás 17.00 horas cun programa dirixido a todos os públicos. Media hora despois está prevista unha exhibición de All Dance Studio e, a partir das 18.30 horas, a chegada de Papá Noel, que contará cun photocall para que as familias poidan sacar fotografías.
 
A programación musical dará comezo ás 19.00 horas co concerto de Mos. Seguiranlle Los hombres de Diego (20.30 horas) e Merekumbé (22.00 horas), encargados de pechar a noite cun repertorio de marcado carácter festivo. Ademais de música e baile, o recinto contará con mesas doces, actividades infantís, un espazo dedicado ás mascotas e varios sorteos ao longo da tarde. Desde as 19.00 horas ofreceranse tamén as Tapas Solidarias, unha proposta gastronómica pensada para reforzar a recadación.
 
Durante toda a xornada funcionarán puntos de recollida de alimentos destinados ao Centro de Recursos Solidarios e á Protectora Cometa, co obxectivo de apoiar o traballo que ambas entidades desenvolven na cidade en favor das familias con menos recursos e dos animais abandonados, maltratados ou en situación de risco.
 
O Concello anima a veciñanza a achegarse á Gándara para celebrar o Nadal en comunidade e contribuír ao sostén da labor solidaria e de protección animal que realiza Cometa en Narón.

Lea también

Náutico de Narón tras una gran actuación de sus nadadores se pone líder de la segunda división

El Náutico de Narón después de una gran actuación de sus nadadores se pone líder …