Máis de 93.000 bonos descargados e 300.000 compras realizadas nos establecementos adheridos.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, a deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente, Rosa Ana García, e o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, mantiveron esta mañá na sede da institución provincial unha reunión para facer balance do programa MercaNaVila, a iniciativa pioneira posta en marcha pola Deputación para impulsar o consumo nos establecementos de proximidade dos concellos de menos de 20.000 habitantes.
Un programa que superou todas as expectativas
MercaNaVila puxo á disposición da cidadanía bonos desconto de ata 100 euros por persoa para realizar compras en comercios locais adheridos. A iniciativa, deseñada para activar o consumo e reforzar o tecido económico das vilas pequenas e medianas da provincia, acadou cifras históricas.
Formoso destacou que o programa “superou con creces as previsións iniciais”. Entre o 20 de outubro e o 3 de decembro descargáronse 93.453 bonos, rexistráronse preto de 300.0000 operacións de compra e mobilizáronse 16 millóns de euros en vendas nos 1.080 establecementos adheridos de toda a provincia. Formoso incidiu na importancia de manter vivo o ecosistema comercial local: “O comercio de proximidade é o corazón das vilas, sen comercio non hai vida. Fronte á oledada dos Amazon do mundo, temos que facer moita pedagoxía coa cidadanía do que supón o comercio local en canto a creación emprego e dinamización da economía. A verdadeira sostibilidade é a que representa o comercio local de Galicia e por iso a Deputación fai unha aposta tan importante”, afirmou.
O presidente provincial agradeceu “a implicación total que sentimos por parte dos comerciantes de toda a provincia”, que fixeron a campaña súa e participaron activamente na súa difusión. “Máis que as cifras, valoramos moito as mensaxes que nos mandan os comerciantes por distintas vías e que coinciden en que axudou a moitos comercios a incrementar as súas cifras de vendas nunha época difícil e incluso a evitar o peche de negocios”. “Xa lles digo que MercaNavila vaise manter no tempo, que a aposta é de longo prazo e que non só iso, senón que xa estamos deseñando xunto á Federación Galega de Comercio unha campaña aínda máis ambiciosa para 2026 porque vemos que merece a pena e que ten un impacto moi importante”, afirmou o presidente.
O presidente da Federación, José María Seijas, destacou o éxito da iniciativa e lanzou unha mensaxe clara: “Debemos felicitar á Deputación pola súa aposta decidida polo comercio da provincia. MercaNaVila demostra que cando hai compromiso, hai resultados. O comercio é vida: onde hai comercio hai vida. Animamos ás demais deputacións galegas a impulsar programas semellantes”. “Os nosos comerciantes estannos felicitando pola labor que se desenvolveu. Houbo moitos comercios que salvaron a súa facturación de fin de ano e xa estamos traballando xa para a campaña do vindeiro ano”, afirmou Seijas.
Un impulso esencial para o comercio de proximidade
A deputada de Emprego, Rosa Ana García, subliñou que o impacto foi moito máis alá do económico: “A aposta foi enorme, pero o retorno ten sido maior. Poñer en marcha MercaNaVila supuxo un desafío, non so en termos económicos, senón pola complexidade do sector. Non procurábamos unicamente incentivar as vendas nos comercios, senón xerar dinamismo económico nos concellos máis pequenos, revertendo incluso a tendencia habitual. Con este programa logramos que persoas das cidades se desprazasen ás vilas a mercar e, de paso, aproveitasen para comer alí ou mesmo pasar a fin de semana nun hotel rural.” subliñou Rosa Ana García.
Colaboración institucional e visión compartida
Na reunión reafirmouse o compromiso de manter e reforzar a colaboración coa Federación Galega de Comercio, avanzando novas accións conxuntas para fortalecer o sector. Entre elas, a realización dun censo comercial completo que permita coñecer a situación real do tecido económico e definir medidas máis eficaces.
Formoso pechou a reunión subliñando que a dinamización comercial “require unha aposta compartida e unha visión conxunta do papel estratéxico do comercio local” e enmarcou o programa na aposta transversal da Deputación pola dinamización e a creación de emprego no rural, un factor fundamental na loita contra o despoboamento.
Os datos finais de balance de MercaNaVila revelan unha forte mobilización do comercio local en toda a provincia, con Noia á cabeza das vendas ao concentrar case o 10% do total (1,72 millóns de euros e máis de 29.000 operacións), seguida de Boiro, que supera os 1,42 millóns de euros, e Ordes, que rolda os 1,15 millóns. Tamén destacan Cee, con 1,12 millóns, e As Pontes e Betanzos, ambas por riba dos 820.000 euros. A Pobra, Melide, Arzúa ou Padrón completan o grupo de concellos que superan amplamente o medio millón de euros en vendas, evidenciando o impacto positivo e equilibrado do programa no comercio de proximidade en todo o territorio.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.

