A Deputación da Coruña impulsa na Capela a sensibilización ambiental cun obradoiro sobre aves nocturnas

A deputada de Medio Ambiente, Rosa Ana García, visitou o CEIP Plurilingüe Mosteiro de Caaveiro acompañada do alcalde, Manuel Meizoso, e do concelleiro de Servizos Sociais, Emilio Rioboo. A iniciativa forma parte do programa provincial de educación ambiental, que chega xa a máis de dez centros da provincia e a máis de 500 alumnos.

A Deputación da Coruña continúa impulsando a sensibilización ambiental entre o alumnado de Primaria coa organización de obradoiros didácticos centrados no coñecemento e conservación das aves rapaces nocturnas. A deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente, Rosa Ana García, visitou o CEIP Plurilingüe Mosteiro de Caaveiro, na Capela, onde participou na actividade xunto ao seu alumnado, acompañada polo alcalde, Manuel Meizoso, e polo concelleiro de Servizos Sociais, Emilio Rioboo.

O obradoiro, impartido por persoal especializado da Asociación Alados Medioambiente, combina explicacións participativas con materiais manipulativos que permiten ao alumnado aproximarse de forma práctica á realidade destas especies.

“Este tipo de actividades axudan a que os nenos coñezan de primeira man as características das aves nocturnas, o seu papel como controladoras naturais de pragas e os riscos aos que se enfrontan no medio”, explicou Rosa Ana García. A deputada subliñou o efecto pedagóxico do uso de cranios, plumas, maquetas, fichas informativas e vídeos, “que lles permiten ver, tocar e comprender a natureza cunha intensidade que vai moito máis alá da teoría”.

Como apoio ao labor do profesorado, a Deputación entregou ao centro un caderno de campo sobre rapaces nocturnas, un recurso didáctico pensado para continuar traballando os contidos ambientais ao longo do curso. Rosa Ana destacou “a importancia de espertar desde idades temperás a curiosidade pola biodiversidade e polo coidado do medio ambiente”, sinalando que “a educación ambiental é unha ferramenta clave para formar cidadáns responsables e comprometidos co futuro do planeta”.

A deputada puxo en valor o éxito da iniciativa, que ao longo do curso chegou xa a máis de dez centros da provincia e a máis de 500 alumnos, e asegurou que a Deputación “continuará apostando por programas que combinan educación, conciencia ambiental e participación activa da mocidade, porque sabemos que o futuro da natureza tamén depende da mirada que lles transmitamos aos máis pequenos”.

Lea también

Mugardos informa sobre los trabajos realizados en la fuga de agua de O Cristo

El Concello de Mugardos informa de las actuaciones llevadas a cabo en relación con la …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *