O mes de decembro vén cargado de actividade na entidade afincada en Sedes con diferentes tipos de actividades que encheran esta parroquia naronesa de actividade na recta final do ano.
Así, a entidade comeza o mes o vindeiro día 6 de decembro, viaxando ata Piornedo de Ancares, onde colaborará de xeito desinteresado na Polavila de Piornedo, realizando un concerto solidario a prol da entidade local Teitos de Piornedo, os fondos recadados serán utilizados para o mantemento do teitado das pallozas deste pobo da montaña lucense único en Europa pola súa riqueza patrimonial.
A actividade continuará o domingo 14 de decembro, na que a entidade de Sedes pechará o ano Castelao coa proxección do filme “Antes de Nós” . Película galega dirixida por Ángeles Huerta, escrita por Pepe Coira e protagonizada por Xoán Fórneans no papel de Castelao e por Cris Iglesias interpretando a Virxinia Pereira. Despois da estrea mundial no Festival de Cans e o seu paso polas salas galegas, agora este filme chega ao Centro Cívico Social de Sedes da man da A.C. Vai Rañala Meu! en colaboración coa entidade naronesa CineClub Serie B e a Federación de Cineclubes de Galicia.
A proxección terá lugar o domingo 14 de decembro ás 18:00 horas e a entrada será de balde ata completar aforo.
E despois do cine chega de novo a música, o 20 de decembro, a Charanga da A.C. Vai Rañala Meu!, volta á montaña luguesa, desta volta convidada pola entidade de Becerreá Rente ao Couce, para participar animando a Feira do 12, tradicional Feira recuperada no concello lugués por esta entidade.
E xa nas portas das celebracións de nadal, voltan os xa tradicionais e senlleiros “Canto de Nadal de Sedes”. O domingo 21 de decembro e a partir das 18:00 horas no Centro Cívico Social de Sedes, desenvolverase un obradoiro de Cantos de Nadal, onde as persoas participantes poderán aprender diferentes cantos tradicionais desta época do ano tan rica en tradición no noso País e cantar en conxunto. A partir das 19:00 h haberá unha chocolatada popular para todas as persoas asistentes.
Durante esta actividade a A.C. Vai Rañala Meu! recollerá alimentos en favor do Centro de Recursos Solidarios, instalando un “box”, no centro cívico, onde se poderán depositar alimentos e produtos de primeira necesidade para colaborar co enorme traballo que desenvolve esta entidade naronesa.
A actividade está organizada pola Asociación Cultural Vai Rañala Meu! e conta coa colaboración da Área de Cultura da Deputación da Coruña.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
