Narón celebrou esta tarde os actos centrais do 25N, Día da Eliminación da Violencia contra a Muller, cunha homenaxe pública ás vítimas na Praza da Gándara. A alcaldesa de Narón, acompañada de concelleiros dos catro partidos presentes no Concello, realizaron unha ofrenda floral diante do Monumento ás Mulleres seguida dun minuto de silencio.

Ao remate do acto institucional, a alcaldesa destacou a importancia de reforzar o compromiso colectivo contra as violencias machistas. “No que levamos de ano, 38 mulleres foron asasinadas a mans das súas parellas ou exparellas, dúas delas aquí, en Galicia. Cada unha destas vidas truncadas é un recordo doloroso do que aínda nos queda por conseguir: a violencia de xénero non ten xustificación posible”, dixo Marián Ferreiro.
A alcaldesa subliñou o papel da educación e da prevención para avanzar nun cambio real: “En Narón pensamos que avanzar na prevención, na educación e no compromiso coa igualdade é fundamental para eliminar a violencia machista”.
Acto central da Marcha Mundial das Mulleres na comarca
Este ano, Narón acolleu o acto central na comarca da Marcha Mundial das Mulleres, que celebrou este 25 de novembro coincidindo co seu 25 aniversario cunha performance coa problemática da vivenda de fondo e a lectura dun manifesto.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.

