Aberta a canle artificial de desaugamento da lagoa da Frouxeira, en Valdoviño

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, supervisou este martes os traballos de apertura da canle artificial de desaugamento da lagoa da Frouxeira. Esta medida adóptase unha vez que a lámina de auga acadou a cota recollida no Plan de conservación da lagoa e areal de Valdoviño, o que xustifica a correspondente intervención da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

Aneiros recordou que a lagoa da Frouxeira foi sometida no século anterior a diferentes cambios, xerados na maioría dos casos por presións antrópicas, o que provocou a modificación do funcionamento hidroecolóxico do sistema barreira litoral-lagoa. Actualmente, prodúcense ciclos nos que a canle de comunicación entre a lagoa e o mar permanece pechada e, cando se produce unha suba do nivel de auga, rexístranse inundacións na zona viaria, seguido dunha rotura brusca da barreira litoral e o baleirado da lagoa, que é o que se pretende evitar con esta apertura controlada.

Esta actuación lévase a cabo seguindo o protocolo establecido no decreto 30/2015 polo que se aproba o Plan de conservación da Lagoa e Areal de Valdoviño, que converteu este enclave no primeiro humidal protexido de Galicia, de importancia internacional Ramsar.

De cara a facilitar o fluxo natural de auga nesta área e evitar intervencións como a de este martes, a delegada territorial lembrou que o Goberno galego contratou recentemente un estudo técnico que agarda ter antes de que remate o ano para avaliar a retirada da barreira artificial do complexo litoral da Frouxeira. Esta medida buscaría evitar as inundacións que provoca a acumulación de area depositada na lagoa como consecuencia do bloqueo que supón a coieira -o dique artificial a base de pedras instalado na zona- para o paso axeitado da auga.

Martina Aneiros incidiu en que esta actuación busca garantir o mellor estado de conservación posible para este humidal protexido formado pola lagoa litoral da Frouxeira e por un sistema dunar en moi bo estado de conservación. É un dos lugares de maior diversidade de Galicia, tanto pola presenza de hábitats naturais e seminaturais de especial relevancia, como polo importante número de especies da fauna e flora protexidas que habitan nel.

Lea también

Rescatadas por un helicóptero dos personas con dificultades para salir del agua en Ortigueira

El helicóptero Pesca II rescató en la tarde del domingo a dos personas con problemas …