O Concello de Narón presentou este luns a campaña Merca Nadal, unha iniciativa municipal que se desenvolverá do 1 ao 22 de decembro co obxectivo de dinamizar o comercio local. Acompañada por Choly Díaz, presidenta da Asociación de Comerciantes de Narón, a concelleira de Promoción Económica, Olga Ameneiro, apuntou que “O Nadal é unha oportunidade para apoiar o tecido local e para lembrar que detrás de cada compra hai persoas que manteñen abertas as portas dos nosos comercios durante todo o ano”.

A campaña deste ano estrutúrase en tres liñas: a promoción das compras locais, o Certame de Decoración exterior e o programa gastronómico Datas saborosas. Como subliñou Olga Ameneiro, “o Concello aposta por un Nadal próximo, participativo e creativo, no que cada establecemento poida aportar o seu toque e no que a cidadanía teña un motivo máis para elixir Narón como lugar onde facer as súas compras e celebrar en familia”.
Sorteos no comercio local
No apartado de promoción comercial, os pequenos comercios con local físico en Narón que se adhiran á campaña —de maneira voluntaria e gratuíta, enviando a súa solicitude a nadalnaron@gmail.com ou ben a través do WhatsApp 622170715, operativo tamén para resolver dúbidas— entregarán papeletas aos seus clientes por compras superiores ao importe mínimo que cada establecemento determine, sempre igual para todos os compradores.
As papeletas deberán estar seladas ou acompañadas do tícket de compra no caso de non dispoñer de selo. Entre as persoas participantes sortearanse catro cestas de Nadal mediante visitas sorpresa a comercios escollidos ao azar, así como tres vales de compra por valor de 1.000, 600 e 400 euros, que deberán utilizarse en tres ou máis establecementos adheridos.
O contacto coas persoas gañadoras realizarase por teléfono, e a entrega dos premios terá lugar no Concello. Ademais, os comercios participantes disporán de cartas dirixidas a Papá Noel para que os nenos e nenas poidan escribir as súas peticións, reforzando así a implicación da cativada no comercio de rúa.
Certame de Decoración exterior
A campaña inclúe tamén o Certame de Decoración exterior, dirixido tanto a comercios como a establecementos de hostalería. Para participar, os locais deberán ter sede física en Narón, exhibir o cartel oficial da campaña e contar cunha decoración interior e exterior acorde ao Nadal, sendo imprescindible a ornamentación exterior.
Os establecementos deberán inscribirse enviando fotografías da súa decoración ao mesmo enderezo electrónico ou número de WhatsApp (nadalnaron@gmail.com / 622170715). Entre todos os inscritos sortearanse catro premios: dous de 200 euros (un para comercio e outro para hostalería) e dous de 100 euros (nas mesmas categorías).
Datas saborosas
A terceira liña da campaña, Datas saborosas, compilará a oferta de ceas especiais, menús de Nadal e propostas para levar á casa dos establecementos hostaleiros que así o comuniquen ao Concello. Con toda a información recibida elaborarase un listado que se difundirá a través das redes sociais municipais para facilitar as reservas e dar visibilidade á hostalería local durante as festas.
A campaña está coordinada por Pingota Comunicación S. Coop. Galega, que velará pola transparencia e o correcto desenvolvemento dos sorteos. Con esta nova edición da Campaña Merca Nadal, Narón reforza o seu compromiso cun modelo de consumo responsable e coa dinamización económica da cidade durante un dos períodos de maior actividade comercial do ano.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.