A Deputación apoia con 450.000€ actividades e investimentos relacionados co medio ambiente

A Deputación da Coruña ten aberto o prazo de solicitudes de catro programas de subvencións dirixidos a entidades sen ánimo de lucro da provincia para o desenvolvemento de actividades e investimentos relacionados coa protección e conservación do medio ambiente, cun orzamento global que ascende a 450.000 euros para o exercicio 2026. Estas convocatorias céntranse en dous ámbitos de actuación: a protección e educación ambiental e o benestar dos animais domésticos. Ambas liñas teñen aberto o prazo de solicitude dende o pasado 15 de novembro.

Protección ambiental

Neste bloque, a institución provincial dedica 300.000 euros ao ámbito ambiental, dos cales 200.000 corresponderán a actividades e 100.000 a investimentos. As subvencións están pensadas para impulsar campañas de divulgación, programas de voluntariado, iniciativas de recuperación de espazos naturais, accións de educación ambiental e proxectos que contribúan á conservación da biodiversidade e dos recursos naturais da provincia. No caso da liña de investimentos, apoiarase a adquisición de material, equipamentos ou melloras en infraestruturas necesarias para o desenvolvemento do labor ambiental das asociacións.

Benestar animal

Completan o paquete de axudas as convocatorias dirixidas ás asociacións protectoras de animais. Con 150.000 euros —100.000 para actividades e 50.000 para investimentos—, estas liñas están deseñadas para apoiar o traballo das entidades que se encargan da recollida, atención e procura de fogar para cans e gatos abandonados. Entre as actuacións subvencionables inclúense campañas de esterilización, programas de adopción responsable, atención veterinaria e melloras en instalacións destinadas ao coidado dos animais.

A deputada de Medio Ambiente, Rosa Ana García, destacou que este conxunto de programas “son un claro exemplo do compromiso da Deputación coa sostibilidade ambiental e a protección dos animais”. Engadiu que o apoio ao tecido asociativo “é clave para consolidar proxectos transformadores que teñen un impacto directo na sociedade e no territorio”.

O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 16 de decembro, e deberá realizarse exclusivamente a través da sede electrónica da Deputación da Coruña.

Lea también

Neira Vilas, homenajeado en el Día das Letras Galegas 2027 por ser un «constructor del imaginario colectivo»

La Real Academia Galega (RAG) ha celebrado este miércoles, en el Palacio Municipal de María …