Mugardos presenta la programación cultural de Nadal con actividades para todas as idades

O Concello de Mugardos xa ten en marcha a programación cultural de Nadal, un calendario que combina música, tradición, actividades infantís e propostas de carácter social, co obxectivo de ofrecer alternativas de lecer para todas as idades e reforzar o ambiente festivo no municipio durante as próximas semanas.

Rondalla Mugardesa. Foto de archivo

A programación arrincou o 15 de novembro coa actuación da Rondalla Mugardesa e a Rondalla de Cedeira no Seixo, e 16 de novembro coa Coral Estelas do Mar e a rondalla Só Elas en San Xoán. Durante todo o mes de novembro e inicios de decembro haberá actuacións musicais en distintos espazos municipais, entre elas a intervención de varias rondallas no Local de Maiores, o Casino Mugardés e San Xoán, así como a presentación do Calendario Solidario contra o cancro o 29 de novembro no Casino.

As actividades destinadas ó público infantil terán un peso destacado. O 16 de decembro celebrarase un contacontos para nenas e nenos de 3 a 6 anos na Biblioteca Municipal, mentres que o 18 de decembro organizarase un obradoiro creativo para menores de 7 a 12 anos. A estas propostas súmanse a audición da Escola de Música prevista para o 19 de decembro, e o concerto conxunto da Rondalla Mugardesa e a Coral Estelas do Mar o 20 de decembro na igrexa de San Xiao de Mugardos.

Un dos momentos máis esperados da programación será o desfile e a recepción de Papá Noel, que terá lugar o 21 de decembro en colaboración coa Asociación Caramuxo, con final no Casino Mugardés. Xa en xaneiro, o día 5, celebrarase a tradicional Recepción Real e a Festa de Reis Magos, que está previsto que inclúa tamén actos en San Xoán e Franza.

A concelleira de Cultura, Begoña Gómez, destacou a importancia desta programación para dinamizar o municipio nunha época especialmente significativa. “Queremos que Mugardos viva un Nadal cheo de cultura, música e actividades pensadas para todas as idades. Esta programación combina tradición e creatividade, e é froito do traballo conxunto de moitas entidades culturais e sociais do municipio” apuntou. A edil subliñou ademais o compromiso do Concello cunha oferta cultural accesible e diversa. “O noso obxectivo é que cada veciña e veciño atope nesta axenda unha actividade para gozar: desde os máis pequenos, que poderán participar en talleres e contos, ata quen goza da música tradicional ou dos concertos corais que son xa un aceno de identidade destas datas” sinalou.

O Concello de Mugardos anima á cidadanía a participar nas distintas actividades e lembra que a programación completa irase anunciando a través das redes sociais do Concello a medida que se acheguen os días de celebración.

Lea también

Intasa avanza en la construcción de una planta de revalorización de residuos de biomasa en San Sadurniño

Intasa avanza en la construcción de una planta de revalorización de residuos de biomasa en …