Igualdade da Deputación da Coruña pecha a campaña ‘‘Ser e sentir’’ con dúas propostas de narración oral

As derradeiras representacións terán lugar o 23 de xaneiro no concello de Boiro e o día 24 en Val do Dubra. A deputada de Igualdade, Sol Agra, anima a poboación a asistir a estas representacións e reafirma o compromiso da Deputación coa defensa dunha sociedade «máis xusta, diversa e igualitaria»

A Área de Igualdade de Xénero da Deputación da Coruña dá por concluída a edición 2025 da campaña ‘Ser e sentir’, unha iniciativa desenvolvida ao longo dos últimos meses co obxectivo de promover a igualdade, o respecto á diversidade afectivo-sexual e de identidade de xénero, así como a sensibilización social a través da formación, a participación comunitaria e as artes escénicas.

Durante esta edición, ‘Ser e sentir’ impulsou accións dirixidas a concellos, entidades sociais, centros educativos e público xeral, consolidándose como un espazo de diálogo, visibilidade e reflexión arredor dos dereitos, as liberdades e a dignidade das persoas. Aínda que a campaña institucional chega ao seu remate, o programa cultural inclúe dúas actividades de narración oral que se terán lugar nas próximas semanas: Vicio houbo sempre, onde Atenea García presenta historias de vida recollidas a mulleres maiores de 80 anos arredor do desexo, do pracer e da sexualidade, chegará a dúas localidades coruñesas.

A actividade de Boiro terá lugar o venres, 23 de xaneiro, ás 20 horas, no Centro Social de Abanqueiro; mentres que a de Val do Dubra será o 24 de xaneiro, ás 20 horas, no Auditorio de Bembibre.

A deputada de Igualdade, Sol Agra, anima a poboación a asistir a estes espectáculos e agradece a colaboración dos concellos e das entidades sociais implicadas, así como o apoio da veciñanza, «fundamental para o desenvolvemento e o éxito da campaña». Do mesmo xeito, reafirma o compromiso da Deputación «coa defensa dunha sociedade máis xusta, diversa e igualitaria».

‘Ser e sentir’ 2025, unha campaña descentralizada

A campaña ‘Ser e sentir’ desenvolveuse ao longo de 2025 con motivo da conmemoración do Día da Diversidade Sexual, baixo o lema Liberdade de ‘Ser e sentir’, co propósito de reforzar o compromiso institucional cos dereitos das persoas LGTBQI+ alén dunha data concreta no calendario.

Ao longo do ano, a campaña incluíu a actualización de contidos informativos e educativos con propostas de literatura LGTBQI+ galega, estatal e internacional, recursos audiovisuais e materiais adaptados a diferentes idades, postos a disposición na web seresentir.gal.

Tamén se elaboraron materiais para puntos de información LGTBQI+, desenvolvéronse palestras sobre igualdade e non discriminación no ámbito laboral, diversidade corporal e sexualidades disidentes, programáronse representacións teatrais para distintos públicos en vinte concellos da provincia e instaláronse puntos LGTBQI+ en oito municipios. A campaña completouse co envío de material divulgativo a concellos de menos de 30.000 habitantes, reforzando así o seu carácter descentralizado e continuado no tempo.

Lea también

La programación previa de los Premios Feroz en Pontevedra incluye un ciclo sobre las mujeres en el cine gallego

El Ayuntamiento de Pontevedra programa un ciclo que pone a las mujeres en el centro …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *