Prematuridade en Galicia: a logopedia, unha materia pendente nas unidades de neonatos advirte o CPLGA

No Día do prematuro, o CPLGA advirte de que, sen logopedistas, os bebés prematuros parten en desvantaxe desde os seus primeiros días de vida.

Cada ano, arredor de 500 familias galegas vense afectadas por un parto prematuro. Se non se tratan a tempo, as dificultades dos naipelos que nacen antes das 37 semanas de xestación marcarán as súas vidas. Os problemas de succión e deglutición que non se aborden de forma temperá e coa máxima eficacia comprometerán a nutrición, a lactación e o desenvolvemento comunicativo futuro. O Colexio Profesional de Logopedistas de Galicia (CPLGA) reclama, con motivo do Día Mundial do Prematuro, que se celebra o 17 de novembro, que a avaliación e a intervención logopédicas formen parte da rutina das unidades neonatais dos hospitales públicos de Galicia.

Nos hospitais galegos, a atención logopédica a prematuros/as é case inexistente. “En Galicia non é frecuente a presenza de logopedistas nas unidades neonatais ou nas UCIN (Unidade de Coidados Intensivos Neonatais). Nalgúns hospitais como o Cunqueiro ou o Provincial de Pontevedra, as compañeiras traballan con bebés ingresados dende hai
tempo. Pero, por exemplo, no Clínico de Santiago estamos tres e non recibimos peticións para valoralos, aínda que iriamos encantadas. Eu fun dúas veces contadas á UCIN, pero porque dependo de Otorrinolaringoloxía e o neno fora visto antes no servizo”, explica Diana Gándara, presidenta do CPLGA e logopedista no CHUS.

“Na Guía de Saúde Infantil para Pediatría de Atención Primaria publicada polo Sergas, recoméndase a derivación dos nenos e nenas pretermo, menores de 32 semanas ou de 1.500 gramos de peso, ás unidades de Atención Temperá Hospitalaria xa na primeira revisión que se lles realice despois da alta. En teoría, todos eses nenos e nenas deberían recibir atención logopédica se a precisaren, pero a realidade non é esa”, conta Javier Bueno, logopedista no Hospital Álvaro Cunqueiro e vicepresidente do CPLGA.

A evidencia científica respalda a intervención logopédica. “Os e as bebés poden sufrir riscos evitables no desenvolvemento neurolóxico, motor e cognitivo. Pola contra, os beneficios incluén melloras evidentes na alimentación mediante a coordinación da succión, deglutición e respiración, o que facilita o paso da alimentación por sonda á lactación, mesmo á lactación materna nos casos nos que é posible e é o desexo da nai. Ademais, a estimulación logopédica temperá ten un impacto positivo tamén na comunicación e no desenvolvemento da linguaxe”, sinala Bueno.

Cristina Fernández, logopedista no CHUS e secretaria do CPLGA, aclara que “ás veces o noso traballo é simplemente avaliar e asesorar ao persoal que se ocupa da alimentación do e da bebé e ás familias. En ocasións, só podes estar presente durante unha toma ao día, pero un asesoramento axeitado produce enormes avances en pouco tempo”.

A intervención precoz das logopedistas axuda tamén a empoderar as familias para continuar co coidado no domicilio. “Proporcionamos aos pais e ás nais unha serie de ferramentas para participar activamente na estimulación do e da bebé, mesmo despois da alta. As familias merecen sentirse moi arroupadas por todas as profesionais sanitarias. Para eles, é fundamental a revisión e a intervención ambulatoria das logopedistas”, comenta Javier Bueno.

En definitiva, para o Colexio Profesional de Logopedistas de Galicia…

  1. Todas as unidades neonatais e UCIN deberían contar cunha logopedista no seu equipo de profesionais sanitarios.
  2. Os/as bebés prematuros/as deberían ser valorados/as e atendidos/as (se é preciso) por unha logopedista durante o seu ingreso na unidade neonatal. É fundamental, sobre todo, para os prematuros/as de alto risco (nados/as antes das 32 semanas ou con menos de 1.500 gramos de peso).
  3. A intervención logopédica temperá e individualizada é crucial para favorecer un correcto neurodesenvolvemento.
  4. As nais e pais de bebés prematuros/as deben participar activamente na toma de decisións sobre a súa alimentación.
  5. As nais e pais de bebés prematuros/as deben ser informados sobre o labor das logopedistas con estes pacientes e os obxectivos da nosa atención.
  6. As logopedistas traballan para conseguir unha alimentación exitosa, adaptada ás necesidades de cada bebé prematuro/a e axustada ás expectativas da súa familia. Este labor inclúe o asesoramento ás familias.
  7. As logopedistas traballan para que (no caso de ser posible e o desexo da nai) poida conseguirse unha lactación materna exitosa.
  8. Na atención ao bebé prematuro/a débese garantir non só unha estabilidade clínica, senón que debe haber unha abordaxe integral que favoreza un correcto desenvolvemento do/a neno/a e un asesoramento e acompañamento á familia.
  9. Os/as bebés prematuros/as deben ter un seguimento logopédico cando reciben a alta do seu ingreso hospitalario que asegure que os avances alcanzados se manteñan e poidan ser mellorados.
  10. Debemos realizar labores de difusión para que a sociedade teña coñecemento sobre como a atención logopédica pode mellorar a deglutición e succión do/da bebé prematuro/a e, polo tanto, a súa alimentación e previr posibles futuras alteracións no desenvolvemento da linguaxe e comunicación do/da bebé.

A integración das logopedistas nas unidades neonatais para orientar a neonatólogos, enfermeiras e familas garantirá a valoración precoz e a continuidade asistencial. Sen logopedistas, a recuperación queda a medio camiño.

 

Lea también

Valdoviño abre inscripción en un programa de formación para cuidadores de personas con deterioro cognitivo y dependientes

La participación es gratuita, consta de dos sesiones donde se abordarán cuestiones clave para facilitar …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *