MercAres regresa un ano máis á vila para dinamizar o consumo de proximidade

O Concello impulsará do 1 de decembro ao 31 de xaneiro esta campaña de fomento de compras na hostalería e comercio local que contará coa participación de 87 negocios aresáns. Durante esas datas, a administración local repartirá 6.500 euros en forma de vales-rascas distribuídos entre os locais adheridos á campaña, que contarán cun selo identificativo nas súas instalacións.

A concelleira de Comercio, Lucía Blanco presentou a sexta edición do MercAres, a proposta de dinamización de consumo de proximidade que se impulsa dende a administración local para fortalecer os vínculos entre os negocios de Ares e a veciñanza.

No acto de presentación, Blanco salientou que o MercAres 25-26 actúa como unha “campaña para apoiar ao noso tecido comercial” en “datas de gran consumo”, como acontecerá nos vindeiros meses, sabendo “que os pequenos negocios son fundamentais no noso día a día”.

Para incentivar a compra de proximidade, o Concello distribuirá 6.500 euros repartidos en 307 vales-rascas, que estarán a disposición dos veciños nos locais adheridos ó MercAres. Nos vales-rascas, haberá a posibilidade de gañar contías que van dende os 5, 10 e 20 euros até 300 ou 500 euros, sendo éste o gran premio da campaña municipal.

Así, por cada compra superior a 10 euros nalgún dos 87 establecementos adheridos nesta ocasión ao MercAres, os clientes recibirán un destes vales-rascas, brindando a oportunidade de resultar agraciado e gastar posteriormente a cantidade recibida nalgún dos locais participantes, entre os que se inclúen negocios de alimentación, comercio de subministros básico, perruquerías, hostalería…

O único a ter en conta se se resulta agraciado é a data de caducidade dos vales: a partir do 31 de abril de 2026 xa non se poderán intercambiar nos establecementos do MercAres.

Ademais de afondar na información da iniciativa, a concelleira Lucía Blanco subliñou a relevancia de seguir promovendo en Ares “modelos de consumo máis circulares e solidarios”, que apoien ao comercio local.

“Por iso é tan importante celebrar e participar cada ano no MercAres”, declarou a edila de Comercio, que rematou a súa intervención salientando que se algún negocio aresán desexa sumarse á campaña, aínda é posible facelo poñéndose en contacto coa súa concellaría.

Lea también

Valdoviño acolle unha charla sobre as preto de 40 convocatorias de axudas provinciais para asociacións e autónomos

A Deputación da Coruña ofrecía o mércores 12 á tarde unha charla informativa sobre as …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *