O XXXVII Premio Torrente Ballester de narrativa, convocado polo departamento de Cultura da Deputación da Coruña, xa ten gañadores. Na modalidade en galego, o premio recaeu en José Montaña Louzao (Betanzos) pola novela ‘Non hai paz no paraíso’, mentres que na modalidade en castelán o galardón foi para Pablo Escudero Abenza pola obra ‘Biblioteca familiar’.

O galardón busca recoñecer a excelencia narrativa tanto en lingua galega como en castelán, consolidándose coma un referente literario. O premio está dotado con 15.000 euros en cada modalidade.
O xurado da modalidade en galego, composto por Ismael Ramos, Lara Dopazo, Ana Varela, Manuel Esteban e Loli Rodríguez (gañadora da pasada edición), salientou da obra gañadora o estilo coidado e o uso dunha linguaxe moi rica en matices. A peza ofrece un percorrido histórico pola sociedade galega da primeira metade do século XX, a través dunha serie de personaxes poliédricos que reflicten a complexidade política e social da época.

Na modalidade en castelán, o xurado, formado por Carmen G. Magdaleno, Raquel Delgado, David Uclés, Andrea Fernández Plata e José Antonio Bonet (gañador do ano pasado), destacou a honestidade do relato, o híbrido entre ficción e ensaio e a prosa limpa e fluída da obra. Segundo o ditame, ‘Biblioteca familiar’ é unha historia de amor á literatura que inspira a lectura e a escrita, á vez que ofrece unha reflexión sobre moitos temas relacionados coa industria cultural.
Sobre os autores
Natural en Betanzos, José Montaña Louzao é catedrático de Lingua Española e Literatura e realizou estudos de Dereito e Filosofía na Universidade de Santiago de Compostela. Trátase dun autor cunha extensa traxectoria literaria que publicou, entre outras, as novelas ‘La última isla’, ‘As armas delicadas’, ‘Pancarta para Xulia’ e ‘O tesouro de Catoira’, así como pezas de relato, crónica novelada, ensaio e libros de viaxe.
No que respecta a Escudero, o escritor é licenciado en Ciencias Físicas pola Universidade Complutense, especializado en Física Fundamental. Foi recoñecido en numerosos certames como Jóvenes Talentos de Brooket e Ámbito Cultural, Premio Ciudad de Alcalá de Narrativa ou o Certame de Creación Joven del Injuve en Narrativa. Entre as súas publicacións destacan ‘Beber durante el embarazo’, ‘Mil dolores pequeños’, ¡En el rincón de la derecha…! ou ‘Las medallas de mercurio’.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.