A Deputación da Coruña crea a comisión político-técnica que desenvolverá o novo modelo de Casas de Acompañamento ás Persoas Maiores (CAM)

O novo modelo residencial público impulsará fogares máis pequenos e humanos, con atención personalizada, convivencia interxeneracional e innovación tecnolóxica.

Reunión da comisión político-técnico para a creación das Casas de Apoio ás Persoas Maiores

A Deputación da Coruña constituíu este lúns a Comisión político-técnica encargada de deseñar e desenvolver o novo modelo provincial de residencias públicas para persoas maiores, denominado Casas de Acompañamento ás Persoas Maiores (CAM). Este órgano será o responsable de elaborar a memoria técnica, social, xurídica e financeira que permitirá poñer en marcha un modelo pioneiro en Galicia, centrado na atención personalizada, a convivencia interxeneracional e a innovación tecnolóxica.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que a creación da comisión “marca o inicio dun proxecto transformador para o coidado das persoas maiores, baseado nun enfoque máis humano e próximo, que permita evitar o desarraigo e a soidade en centros abertos, participativos e de carácter comarcal”.

A comisión, presidida polo titular do goberno provincial, está integrada por representantes de todos os grupos políticos da corporación —PSOE, PP, BNG e Alternativa dos Veciños— e por persoal técnico das áreas de Política Social, Intervención, Secretaría, Arquitectura, Contratación e Patrimonio, entre outras.

Un novo modelo de residencias públicas

As Casas de Acompañamento ás Persoas Maiores (CAM) representan un modelo de quinta xeración, inspirado nas experiencias dos países nórdicos, que aposta por residencias de pequeno tamaño e ámbito comarcal, nas que se garanten plans de atención individualizados e espazos máis amables e abertos á comunidade.

A Deputación prevé desenvolver as primeiras experiencias deste novo modelo nos concellos de As Pontes, Rianxo e Ordes, sendo o centro das Pontes o proxecto piloto. Estes fogares contarán con habitacións individuais e dobres, zonas comúns integradas na contorna e programas de convivencia interxeneracional que implicarán ao tecido asociativo, centros educativos e familias.

Innovación tecnolóxica e convivencia

As novas instalacións incorporarán domótica, telemedicina, sistemas intelixentes de climatización e iluminación, sensores de seguridade e tecnoloxías de rehabilitación física e cognitiva, co obxectivo de mellorar tanto a calidade de vida das persoas usuarias como as condicións do persoal profesional.

Tamén se valorará a presenza de hortas e animais domésticos, así como espazos abertos para que familiares e amizades poidan compartir tempo e actividades coas persoas residentes, reforzando así o carácter comunitario e afectivo do modelo. “Queremos crear unha rede provincial de fogares para maiores, centrada na innovación, na atención humana e no acompañamento vital, onde cada persoa se sinta ben coidada e, sobre todo, acompañada”, resumiu Formoso.

Lea también

Confinadas las gallinas de unos 40 municipios gallegos,entre ellos Cariño y Ortigueira, por la gripe aviar

Las gallinas de unos 40 municipios gallegos, entre ellos Cariño y Ortigueira, deberán estar confinadas …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *