As Pontes participa na creación da Rede de Destinos Turísticos do Carbón impulsada por CIUDEN

O Concello de As Pontes formará parte da nova Rede de Destinos Turísticos do Carbón, unha iniciativa posta en marcha pola Fundación Cidade da Enerxía (CIUDEN), adscrita ao Instituto para a Transición Xusta (ITJ) e dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO).

O proxecto foi presentado esta semana pola directora do Instituto para a Transición Xusta, Judit Carreras, e pola directora xeral da Fundación CIUDEN, Yasodhara López, que destacaron a importancia de crear unha rede estatal de destinos turísticos vinculados ao patrimonio industrial e mineiro do carbón, co obxectivo de impulsar un modelo de turismo sostible, inclusivo e xerador de novas oportunidades económicas.

A Rede de Destinos Turísticos do Carbón centrará o seu traballo na creación de experiencias turísticas sostibles en cinco zonas das provincias de León, Teruel e Córdoba, nas comarcas mineiras asturianas e tamén no municipio das Pontes, que será o único representante galego neste proxecto.

Deste xeito, As Pontes participará activamente como socio estratéxico, achegando o coñecemento do territorio e colaborando na identificación de recursos, na creación de experiencias turísticas e na formación de axentes locais.

Desde o Concello apuntan que “a participación das Pontes nesta rede supón unha oportunidade para diversificar a nosa economía, valorizar o noso patrimonio industrial e fortalecer un modelo de turismo que combina memoria, sustentabilidade e innovación”.

O proxecto contará cun orzamento total de preto de 144.000 euros, financiado integramente por CIUDEN, e desenvolverase ao longo de ç dezaoito meses, ata o primeiro semestre de 2027. Durante este período crearase formalmente a rede, identificaranse os operadores e recursos turísticos de cada territorio, realizaranse accións de formación e poñeranse en marcha experiencias piloto baseadas no patrimonio industrial mineiro.

Ademais, está prevista a posta en marcha dun plan de comunicación e difusión para promover a marca e consolidar esta rede de destinos como un referente nacional de turismo sostible vinculado á memoria do carbón.

Lea también

La Guardia Civil investiga a un conductor que circulaba en sentido contrario en la AG-64

La Guardia Civil investiga a un conductor como presunto autor de 2 delitos contra la …