Vimianzo acolle a terceira edición do Foro Atlántico Empresarial impulsado por SEA

A xornada, que tivo lugar na Casa da Cultura, foi inaugurada pola alcaldesa, Mónica Rodríguez; a deputada de Industria e Emprego, Rosa Ana García; a xerente de SEA, Beatriz Sestayo; e o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde.

A Casa da Cultura de Vimianzo foi o escenario esta tarde da terceira edición do Foro Atlántico Empresarial, unha iniciativa promovida por Suelo Empresarial del Atlántico (SEA) en colaboración co Concello de Vimianzo.

O obxectivo deste encontro é analizar e compartir experiencias sobre a situación actual dos parques empresariais, as súas vantaxes, os requisitos, as oportunidades e as axudas dispoñibles para empresas e emprendedores. O foro reuniu a representantes institucionais, técnicos e empresarios nun espazo de diálogo e cooperación arredor do desenvolvemento económico e territorial.

A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, foi a encargada de abrir o acto. Na súa intervención agradeceu a presenza de todos os asistentes e, moi especialmente, «de todas as persoas que fan posible a realización deste foro. Detrás del hai moito traballo e estamos encantados de que Vimianzo fora escollido de novo para a súa celebración». A rexedora definiu o encontro como «unha oportunidade única» para coñecer «as posibilidades, as vantaxes ou as axudas dispoñibles para asentarse nos polígonos».

Pola súa banda, Rosana García, deputada de Industria e Emprego da Deputación da Coruña, incidiu en que este foro «nos convoca arredor dun obxectivo común: seguir impulsando o desenvolvemento sostible e equilibrado da nosa provincia, promovendo o diálogo e a cooperación entre institucións, empresas e sociedade civil».

Quixo facer fincapé no papel da Deputación da Coruña, «desde onde traballamos cada día para que o noso territorio sexa sinónimo de igualdade de oportunidades, cohesión social e prosperidade compartida». Beatriz Sestayo, xerente de Suelo Empresarial del Atlántico, mostrou o seu agradecemento a «todas as persoas que participan no Foro de SEA, favorecendo un espazo de información, diálogo, construción do mundo da empresa, o emprendemento e a creación de emprego».

Ademais, quixo destacar o papel da alcaldesa, Mónica Rodríguez, e do concello de Vimianzo «pola súa colaboración constante ao longo de todos estes anos». Sestayo incidiu durante o seu relatorio «na importancia das políticas de promoción de riqueza e emprego como un soporte fundamental para fixar poboación en lugares como Vimianzo».

O subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, puxo en valor “o compromiso firme do Goberno de España co impulso da economía galega e o apoio real ás pequenas e medianas empresas, que son o motor do noso tecido produtivo” e salientou que máis de 60.000 beneficiarios e beneficiarias en Galicia xa recibiron fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, cun investimento total de 4.124 millóns de euros.

“O 42% deses beneficiarios son pemes, o que reflicte unha distribución equitativa e próxima dos recursos públicos”, destacou xusto antes de incidir na importancia de que “todas as entidades, desde empresas ata concellos ou fundacións, teñan acceso a estas axudas, contribuíndo a un reparto equilibrado e diversificado dos fondos europeos”.

Tras as intervencións inaugurais, deu comezo a primeira mesa de diálogo baixo o título: «Os parques empresariais como infraestruturas especiliazadas», na que dous avogados de SEA, Antonio Quintela e José Rey Hermida expuxeron a evolución do proceso de implantación dos parques empresariais, os beneficios para as empresas, as licenzas, a seguridade xurídica e os requisitos necesarios para a instalación das empresas.

A segunda mesa, titulada «Administración pública e desenvolvemento económico: Incentivos e programas de axuda», versou sobre axudas e subvencións para empresas e emprendedores. Participaron Belén Fernández Rebolleda, responsable de Oficinas na Zona Norte do Igape; José Carlos Díaz, técnico de proxectos do Programa de Emprego Local da Deputación da Coruña; Guillermo González Díez, xerente do GALP Costa da Morte; e José Antonio Vila García, xerente do GDR Costa da Morte.

No terceiro bloque temático participaron Miguel Ángel García Rey, director de zona de Abanca; Miguel Salvado Corral, director de Especialistas en Financiación Multiproducto en Galicia do Banco Sabadell; e Enrique A. González Iglesias, socio de Mercantil e Mercado de Capitais en EJASO. Abordaron distintas fórmulas e ferramentas de financiamento para empresas, e disertaron sobre o papel das entidades financeiras no impulso do investimento e do crecemento do tecido produtivo galego.

A continuación, tivo lugar unha mesa de experiencias empresariais na que Mélani Lois Barcia, responsable de Comunicación de Gerca Acero y Metal; Iván Pardiñas Blanco, administrador de Gambaru Power; e Valentín García Rodríguez, director xerente de Norgalicia Formigón, expuxeron a súa traxectoria profesional e o desenvolvemento dos seus proxectos dentro do parque empresarial de Vimianzo, destacando as vantaxes de operar nun entorno empresarial común.

O relatorio de clausura recaeu sobre Belén Trigo, doutora en Dereiro Civil e PPL da Universidade de Santiago de Compostela, que falou sobre os desafíos e oportunidades do inverno demográfico, a despoboación, a nova economía dos servizos e a chamada economía da lonxevidade.

Tras a clausura, en mans da alcaldesa e da xerente de SEA, os asistentes participaron nunha degustación de produtos locais.

Lea también

El Sorteo de Navidad reparte más de 14 millones en premios en Galicia, aunque el Gordo esquiva la comunidad

Localidades de las cuatro provincias han sido agraciadas con el segundo premio, el tercero y …