A Deputación da Coruña participa na presentación dunha nova edición de “Talentos Inclusivos”

A Deputación da Coruña participa na presentación dunha nova edición de “Talentos Inclusivos”, o proxecto que une tecnoloxía, educación e inclusión social.

A deputada de Política Social, Mar García Vidal participou na presentación do proxecto Talentos Inclusivos 2025-2026, celebrada na Domus da Coruña, unha iniciativa promovida polo CITIC da Universidade da Coruña en colaboración con ASPACE Coruña e co apoio da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT).

No acto estiveron tamén o reitor da UDC, Ricardo Cao, a concelleira de Benestar Social da Coruña, Nereida Canosa, e a presidenta de ASPACE Coruña, Mari Carmen Barreiro, ademais de representantes dos centros educativos participantes e persoas usuarias das entidades sociais implicadas.

Durante a súa intervención, Mar García Vidal destacou que “Talentos Inclusivos é moito máis que unha actividade educativa: é un exercicio de humanidade, no que o alumnado aprende a mirar máis alá da pantalla e descubre que detrás de cada reto tecnolóxico hai unha persoa, unha historia, unha necesidade real”. A deputada subliñou tamén que “a tecnoloxía pode ser unha ponte, e non unha barreira; unha ferramenta para conectar persoas, para facer visible o talento e para transformar realidades”.

A representante provincial agradeceu ao CITIC e a ASPACE o impulso desta iniciativa que une formación STEM, innovación e compromiso social, e que permite que estudantes de secundaria, bacharelato e FP desenvolvan proxectos tecnolóxicos destinados a mellorar a vida de persoas con parálise cerebral ou outras discapacidades.

“Desde a Deputación da Coruña cremos firmemente que unha sociedade avanzada é aquela que non deixa a ninguén atrás. O progreso non se mide só en datos ou algoritmos, senón en oportunidades reais para todas as persoas”, sinalou García Vidal.

O proxecto Talentos Inclusivos, que chega á súa sexta edición, busca despertar vocacións científicas e tecnolóxicas entre o alumnado galego, promovendo ao mesmo tempo valores de empatía, cooperación e inclusión. Cada edición reúne a decenas de centros educativos de toda Galicia, investigadores do CITIC e persoas usuarias de entidades como ASPACE Coruña, Amencer-ASPACE, APAMP ou o Centro de Formación Profesional da Cruz Vermella.

O programa, recoñecido con premios de innovación e valores humanos, converteuse nun referente de co-creación entre ciencia e sociedade, fomentando o desenvolvemento de solucións accesibles nos ámbitos da domótica, impresión 3D, comunicación aumentativa, xogos adaptados e produtos de apoio.

Na súa mensaxe final, Mar García Vidal resumiu o espírito do proxecto afirmando que “o talento non entende de barreiras, e a inclusión é o camiño cara ao progreso”, felicitando a todas as persoas e entidades que fan posible esta nova edición de Talentos Inclusivos.

Lea también

En Ferrol, inaugurada en Exponav “Galicia, unha escola”, la exposición que conmemora los 50 años de la ETSAC

La Sala Carlos III de Exponav acogió este miércoles la inauguración de la exposición “Galicia, …