O vicepresidente fixo un balance “moi positivo” do paso de Turismo da Deputación pola feira catalá, “onde se puido comprobar o músculo que ten agora e o futuro enorme do sector da restauración da provincia da Coruña”.
Remata este mércores 5 o Gastronomic Forum Barcelona, onde o departamento de Turismo da Deputación da Coruña presentou a súa campaña ‘A paisaxe que sabe’. Unha participación que deixa, segundo o vicepresidente, Xosé Regueira, “un balance moi positivo” e motivos de sobra para augurarlle un gran futuro aos sectores da agraoalimentación e da restauración da provincia.
Regueira celebrou o éxito de todas as propostas que o seu departamento presentou no foro. “Unha vez máis, marchamos do Gastronomic Forum de Barcelona moi satisfeitos”, afirmou. “Primeiro, coa acollida que tivo toda a nosa programación durante estes tres días. Unha programación moi completa, con moitos eventos, con exposición de produto, evidentemente, pero tamén con moita cata, con moita degustación, con moita cociña en vivo. O noso espazo estaba absolutamente completo durante as tres xornadas; había xente mesmo nos corredores intentando seguir as nosas propostas”.
Nunha delas, o obradoiro gastronómico que presentou Chechu Rey na Sala Ágora, púidose comprobar, segundo o vicepresidente, “o músculo que ten agora o noso sector da restauración”. “Parte da nosa satisfacción”, engadiu, “é marchar co convencemento de que con xente e con empresas coma as que nos acompañan nos diferentes eventos aos que imos, o rural e o sector eno-gastronómico do noso territorio teñen un futuro enorme que debe, no curto prazo, ser capaz de xerar dinámicas moi positivas, tanto para o turismo coma para a creación dun emprego de calidade”.
Nesta ocasión, participaron na programación da Deputación as empresas de produción local Costumes Galicia, Gallegas de Nata, Galmesán, Cafés Aruba, Algas Mar de Ardora, LeNatt Foods, Mariscos de Barallobre, A Conserveira, Cien por Cel, Bodegas Lodeiros, Martietas de Fío e Bonilla a la Vista. Tamén o sumiller Alejandro Paadín, que ofreceu conferencias sobre os viños da IXP Betanzos, os da zona de Barbanza e Iria e os da Ribeira do Ulla. E, en canto aos chefs, participaron Iria Espinosa, do restaurante Árbore da Veira; Nair González, de Muelle 43 de Mugardos; Kike Piñeiro e Eloy Cancela, de A Horta do Obradoiro, e Iván Domínguez, do restaurante Nado da Coruña.
Fixo especial fincapé Regueira no traballo de produtores e restauradores. “Vemos como dentro do sistema produtivo que nos acompaña hai moita xente nova; profesionais que, ademais, están traballando no medio rural e volven traballar nel con ilusión de producir coa mesma calidade que se produciron alimentos durante toda a vida en Galiza”. “E agora mesmo”, abundou, “tamén metendo pancas de innovación e xerando un retorno a nivel de márketing de produto que nos coloca ao nivel dos mellores sistemas produtivos do mundo”.
Pediu o vicepresidente “confianza para as persoas que están traballando intensamente na mellora da calidade, na mellora da produtividade e sobre todo no respecto ao produto que sempre caracterizou a provincia da Coruña e a Galiza en xeral”. “Se somos capaces de mimalos, de crer que isto ten futuro a nivel turístico, e estamos demostrado que a nivel turístico ten futuro para atraer un cliente moito máis consciente do que vai experimentar nos territorios turísticos do noso país; se confiamos neles, insisto, todo este traballo vainos tamén axudar a repartir os fluxos”.
Para Regueira, esas novas propostas enogastronómicas que apoia a Deputacion “non son só patrimonio da cidade, senón que están espalladas por todo o territorio da provincia”. “Así que”, recalcou, “se temos a confianza nos profesionais, debemos ser moderadamente optimistas de cara a ter un turismo enogastronómico de calidade, e sobre todo no ámbito do sector da enogastronomía, da agroalimentación, pois eu creo que imos ser aínda máis fortes do que xa somos hoxe en día”.
Rematou Regueira o seu balance lembrando a estratexia de ’A paisaxe que sabe’: “Hai que xerar retorno e con ese retorno xerar benestar para a nosa xente. Así que, mantendo a confianza en traballadores e produtores e en que todas estas empresas que nos acompañan sigan apostando por establecerse e afianzarse no mercado, podemos ser moderadamente optimistas e mesmo celebrar que o futuro do rural vaia ser un futuro tamén próspero, sobre todo para esa xente moi nova que está volvendo a vista cara a nosa produción de alimentos e á rexeneración do medio rural, que tanta falta fai”.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.



