A Deputación da Coruña colabora coa Confraría de Pescadores Virgen del Carmen de Pontedeume na recuperación dos bancos marisqueiros

A deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán, visitou a Confraría acompañada do patrón maior, Santiago Salgado, e interesouse polo proxecto, financiado con 24.000 euros pola Deputación, que permitirá rexenerar os bancos marisqueiros e mellorar a situación económica do sector.

A Deputación da Coruña, a través da liña de axudas ás confrarías de pescadores da provincia, financia con 24.000 euros o proxecto de recuperación dos bancos marisqueiros impulsado pola Confraría de Pescadores Virgen del Carmen de Pontedeume. O investimento permitirá continuar cos traballos de rexeneración dos bancos naturais e de recuperación das poboacións de moluscos bivalvos que se viron gravemente afectadas polas mortandades provocadas polas fortes chuvias de novembro de 2023.

A deputada provincial de Medio Rural, Cristina Capelán, visitou a Confraría acompañada do patrón maior, Santiago Salgado, interesándose pola actividade e polo impacto das medidas de recuperación sobre o emprego e o futuro do sector. Capelán destacou “o labor esencial das confrarías na xestión sostible dos recursos mariños e no mantemento dun sector produtivo que é clave para a economía das nosas vilas costeiras”.

O proxecto contempla accións de seguimento técnico e biolóxico dos bancos marisqueiros, mostraxes para controlar o estado das poboacións e labores de vixilancia para evitar o furtivismo e garantir que non se extraia marisco fóra das tallas comerciais. Tamén inclúe a asistencia técnica dun biólogo, a xestión administrativa e contable da Confraría e o mantemento do persoal encargado da supervisión.

A actuación beneficia directamente a 40 persoas, entre traballadores da Confraría e mariscadores e mariscadoras que dependen dela, e contribuirá á recuperación da produtividade dos bancos naturais e á mellora das condicións económicas do colectivo. O proxecto incorpora ademais un importante compoñente de igualdade, xa que o marisqueo a pé está integrado maioritariamente por mulleres.

A Confraría de Pontedeume tamén traballa na introdución e comercialización de novas especies, como a ostra xaponesa e a ostra rizada, co obxectivo de diversificar a produción e dar descanso aos bancos tradicionais de ameixa e berberecho. Ademais, colabora con outras confrarías da zona —Barallobre, Ferrol e Mugardos— na xestión das zonas de libre marisqueo da ría de Ares e Betanzos.

Capelán subliñou que “estas axudas da Deputación non só fortalecen a actividade económica das confrarías, senón que tamén garanten o relevo xeracional, a investigación e a sustentabilidade dos recursos mariños, que son patrimonio de todos”.

Lea también

Cuarenta jóvenes podrán participar el 26 de septiembre en una nueva Jornada de Pesca en el puerto de Ferrol

Los interesados en participar pueden apuntarse hasta el miércoles 10 de septiembre, a través de …