O Bloque Nacionalista Galego de Ferrolterra participou na mañá deste sábado na estación de ferrocarril de Ferrol na xornada de reivindicación convocada polo Foro cidadán polo ferrocarril.
A representación do BNG nesta viaxe reivindicativa estivo formada cargos orgánicos e institucionais, como a responsábel comarcal Pilar Lozano, as alcaldesas de Fene e de Moeche, Sandra Permuy e Bea Bascoi, o alcalde de San Sadurniño, Secundino García, os deputados no Parlamento Galego, Mon Fernández e Xosé Manuel Golpe, o portavoz municipal de Ferrol, Iván Rivas, así como concelleiros e concelleiras da comarca.
O BNG salientou tamén a presenza do histórico militante nacionalista Francisco Rodríguez, que destacou na súa época de deputado no Congreso pola súa constante defensa das conexións ferroviarias galegas e nomeadamente as relacionadas coa nosa comarca.
Despois das actuacións musicais unha das portavoces do Foro cidadán, Esperanza Piñeiro, deu leitura ao manifesto que consistiu nunha denuncia da actual situación de práctica incomunicación ferroviaria da nosa comarca por causa dunhas infraestruturas obsoletas ou en mal estado e a falta de servizos, e fixo unha chamada á mobilización para demandar a implicación dos gobernos na solución deste problema.
Posteriormente as persoas alí congregadas tomaron o tren con destino a Pedroso. Unha viaxe de denuncia e reivindicativa, da liña que conecta Ferrol con Ribadeo, que correctamente xestionada podería ser a principal forma de mobilidade de todo o territorio entre Ferrol e Ortigueira dando solución a todos os problemas actuais.
O BNG considera que a nosa comarca non pode continuar sendo discriminada e defende contar cun tren con horarios e frecuencias amplios, que conte cunha infraestrutura modernizada para prestarlle un servizo adecuado à poboación da nosa comarca.