Ítaca Teatro trae ao Auditorio municipal de Cedeira a obra “Profetas”

O mesmo espazo acollerá mañá venres unha nova cita co ciclo de cine Mestre Mateo, desta volta unha sesión co pase de tres curtametraxes.

A compañía lucense Ítaca Teatro trae este sábado ao Auditorio de Cedeira a obra “Profetas”, un texto de Ernesto Iz gañador do 16o Premio Abrente da MIT de Ribadavia en 2021. Sobre o escenario, unha parella que se volve atopar, despois de moito tempo, e que ao longo dunha noite comparte as lembranzas do que foi a súa relación. A función será ás 20.00 horas e o prezo da entrada é de 2,50€, á venda na billeteira ou reservando por whatsapp no teléfono 649 876 614.

“Profetas” é un exercicio meta-teatral no que se formula a dúbida de se o que se está a ver é unha dramaturxia rematada ou un proceso de traballo que está a ser construído diante do público. A proposta funciona como un xogo de agochados, de abismos e de saltos entre realidade e ficción. É a primeira coprodución da compañía luguesa, neste caso, co Centro Dramático Galego e conta coa colaboración e o apoio do Concello e da MIT de Ribadavia, do Concello e da Deputación de Lugo e da Deputación da Coruña.

Á fronte do equipo artístico está Carlos Álvarez-Ossorio, como director e deseñador da iluminación e do espazo escénico; Ernesto Is é o autor do texto e da dramaturxia; Marga Portomeñe encárgase do deseño e creación de máscaras; Ítaca Teatro é responsable da escenografía e do vestiario; e finalmente Elea López e Carlos Rebolo conforman o elenco desta peza que nos levará de viaxe por Compostela, Mosul e Venecia visitando, ao mesmo tempo, tres planos: o íntimo, o social e o global.

Tamén o sábado, e tal como se informou, a asociación Mulleres da Vila de Cedeira vai celebrar a XIX Xuntanza de Palilleiras e Labores Tradicionais. De 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00, o pavillón do Polideportivo Municipal encherase con arredor de 300 artesás procedentes de diferentes puntos de Galicia e Asturias, que estarán palillando e facendo outras labores ao tempo que comparten o seu saber.

A véspera, este venres , o ciclo Mestre Mateo ofrecerá a primeira das dúas citas coas curtametraxes que porán o punto final ao programa deste ano. O Auditorio Municipal acollerá ás 21.00h, con entrada de balde, o pase de tres títulos: “Nai”, Véxote” e “Pura”, todas con Galicia como escenario.

“Nai” é unha historia de ficción, dirixida por Tito Refoxo e ambientada na Galicia rural de 1970, concretamente na localidade de Rois. A película conta a historia dunha madre desesperada tras a desaparición da súa filla, un suceso que fai tremer os cimentos da familia. Óscar Pardo Cartelle dirixe “Véxote”, unha curta protagonizada por unha parella, David e Lola, que van pasar uns días á casa rural do seu amigo Marcos. É unha ocasión para atoparse e verse, deixando atrás a tristeza dela.

En “Pura”, a última película que se poderá ver o venres nesta sesión, unha muller volta á casa para recordar e atoparse de novo. Colle unha cámara e filma por primeira vez. Recoñécese nos retratos da súa nai e da súa avoa, grazas a elas reconcíliase co lugar e coas lembranzas.

Por outra parte, na axenda cultural de Cedeira para os vindeiros días está tamén a inauguración dunha nova exposición temporal no Museo Mares. Desde este venres poderá verse a mostra de acuarelas da artista local María Victoria Sobrino.

E tamén hai festas patronais na parroquia de Montoxo. O lugar da Carballa celebra o sábado 18 as festas na honra da Virxe de Fátima. Haberá unha misa solemne ás 13:45 e sesión vermú a continuación amenizada polo Dúo Élite. Pola noite, a partir das 22.30, verbena coas actuacións do dúo Élite e Matices.

Lea también

Una placa conmemorativa recuerda el centenario de la sede del Casino Ferrolano en la calle Real

El alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, asistió este jueves al acto de colocación …