A Deputación entrega ao Concello da Capela o vehículo eléctrico que prestará o servizo de lanzadeira ás Fragas do Eume

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, entregou este luns ao alcalde da Capela, Manuel Meizoso, o vehículo eléctrico que prestará o servizo de lanzadeira de transporte ao Parque Natural das Fragas do Eume, completando así o proxecto do aparcamento disuasorio de As Neves, financiado con fondos europeos Next GenerationEU.

Trátase dunha furgoneta eléctrica Peugeot de 9 prazas, que permitirá trasladar ás persoas visitantes desde o aparcamento disuasorio ata o Camiño da Ventureira, na entrada das Fragas do Eume. O vehículo forma parte do convenio asinado entre a Deputación e o Concello da Capela para mellorar a mobilidade sostible no parque natural, cun investimento total de 220.000 euros a través do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) Fragas do Eume, financiado polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – Next GenerationEU.

O presidente provincial destacou que con esta entrega “damos un paso máis nun proxecto pensado para protexer un espazo natural único como é as Fragas do Eume, reducindo o uso do vehículo privado e favorecendo unha experiencia de visita máis ordenada, segura e sostible”. Formoso salientou tamén que “a aposta pola mobilidade eléctrica é fundamental para reducir as emisións e avanzar cara a un modelo turístico respectuoso co medio ambiente”.

O novo servizo lanzadeira permitirá diminuír o tránsito de vehículos privados de combustión dentro do parque e reducir as emisións de CO₂ e a contaminación acústica, ademais de mellorar a ordenación do tráfico e evitar os problemas de estacionamento que se producen especialmente durante o verán.

O aparcamento disuasorio de As Neves, cuxa construción está a piques de comezar, contará con prazas para autocaravanas, turismos, motocicletas e bicicletas, puntos de recarga eléctrica, zonas verdes e sistemas de infiltración natural de augas, empregando materiais sostibles e integrándose na paisaxe.

A Deputación estima que o servizo de aparcamento disuasorio con lanzadeira de en bus eléctrico para visitantes das Fragas do Eume estará dispoñible para ser usado o vindeiro verán.

Lea también

El Supremo anula la autorización de un eólico en Moeche al no analizar los efectos con parques cercanos

El Tribunal Supremo ha anulado la autorización administrativa del parque eólico Moeche, en la provincia …