O Pazo da Cultura presenta a Oficina de Transformación Comunitaria-OTC Narón

A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, anunciou a próxima presentación pública, o vindeiro martes 14 de outubro, da Oficina de Transformación Comunitaria de Narón (OTC Narón).

Unha iniciativa que ten entre os seus obxectivos sensibilizar á cidadanía sobre a transición cara a un modelo enerxético máis xusto e participativo, apoiando a creación de comunidades enerxéticas e ofrecendo información e asesoramento para fomentar a sustentabilidade. O acto, aberto á participación da cidadanía en xeral, desenvolverase ás 20:00 horas no Café Teatro do Pazo da Cultura.

A iniciativa acométese a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGeneration EU, mediante o Programa de concesión de axudas para oficinas de transformación comunitaria para a promoción de dinamización de comunidades enerxéticas (CE Oficinas) do IDAE (Instituto para a diversificación e aforro da enerxía)

Dende o Concello convidouse a integrantes da corporación local, entidades deportivas, culturais, asociacións empresariais e hostaleiras… e outros colectivos, co fin de que poidan recibir de primeira man información sobre este novo servizo que estará operativo a partir da vindeira semana na cidade.

Representantes da oficina encargaranse de explicar aos asistentes os obxectivos, servizos e beneficios que ofrecerá a OTC Narón á veciñanza.

A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, estará presente na convocatoria, á que tamén acudirá o director da OTC Narón, Rodrigo López. Dende o Consistorio xa se avanzou que as instalacións contarán cunha sede física no barrio da Solaina, a través do que se impulsará a participación cidadá na transición enerxética e se fomentarán modelos sostibles baseados en enerxías renovables.

Dende o Consistorio animouse ás persoas interesadas a acudir á convocatoria, co fin de recibir información de primeira man sobre a OTC-Narón e tamén de poder coñecer as liñas xerais do traballo que se desenvolverá dende a mesma a partir da vindeira semana.

Lea también

Club Arco Narón participa en el trofeo 35º Aniversario del Club Boa Vila

Este pasado sábado se ha celebrado en Pontevedra el Trofeo 35º Aniversario del club Boa …