Unha exposición sobre a vulnerabilidade conmemora o Día Mundial da Saúde Mental na Área Sanitaria de Ferrol, que se celebra este viernes 10 de outubro. A Subdirección de Humanización, Calidade e Atención á Cidadanía e Saúde Mental do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol convocaban a tódolos profesionais da Área ferrolá a participar nela seguindo as claves e o lema deste día mundial: Compartamos vulnerabilidade, defendamos a saúde mental.

Invitábase a participar a todos e todas as traballadoras “compartindo o significado da vulnerabilidade para ti, a través dun texto, imaxe ou debuxo”. Os resultados desta participación pódense ver estes días no corredor principal do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol.
A través de colaxe, de mans unidas creando unha árbore enraizada con imaxes do humano vulnerable, de textos coa valentía de abrir o interior da persoa na exposición, e de xogos de palabras, reflíctense cuestións como o medo, os ingresos, as probas médicas, a enfermidade da familia, o malestar dos seres queridos, pero tamén a aprendizaxe, a fortaleza, o valor da vida cotiá e a procura da tranquilidade.
Dende Hospitalización de Psiquiatría, a enfermeira Iria Requena destaca que para o mural traballaron con recortes relacionados coa vulnerabilidade, facendo fincapé en que “sentirse vulnerable non é unha debilidade, e que buscar axuda fainos máis fortes”. E introduciron tamén o concepto do estigma, tanto o social como o propio. Dende o Hospital de Día, a terapeuta ocupacional, Nuria García, comenta que partiron da premisa de que “a vida cotiá é vulnerable e que debemos dar valor ó noso dereito a vivila», por iso, neste dispositivo, reflexionaron a través de imaxes, textos e acrósticos, sobre «coidar e valorar tódalas actividades que facemos no noso do día a día”. A mensaxe a través dun colaxe colectivo é: A vida cotiá é vulnerable, defendamos o noso dereito a vivila”.
Máis que cifras de atención
Os dispositivos de saúde mental da Área Sanitaria de Ferrol realizan ó redor de 29.500 consultas ó ano (29.491 consultas no pasado ano 2024, e 29.576 no ano inmediatamente anterior 2023) e uns 300 ingresos anuais. Esta atención, máis alá das cifras, cada día é máis personalizada e humanizada potenciando o valor do Hospital de Día e da recuperación do paciente no seu entorno. De feito, nos últimos anos son moitas as melloras que se teñen producido no ámbito da hospitalización psiquiátrica.
Estes profesionais seguiron a estratexia de habilitar espazos que favoreceran o respecto pola privacidade, e que permitisen a realización de actividades saudables no caso de hospitalización, provendo un espazo normalizado para pacientes e profesionais. Foron varias cuestións nos últimos anos. Por unha banda, cambiáronse a totalidade das camas. Xunto con isto, tense habilitado unha sala multiusos que actúa como comedor, como sala de terapia ocupacional, ademais de darlle un uso recreativo para pacientes en horas adicadas a tempo libre.
Por outra banda, tamén se ten creado unha terraza con bancos e xardineiras para poder ter momentos de lecer. A última das melloras producíase ó inicio deste ano coa activación dun ximnasio propio para achegamento ás melloras que pode aportar o exercicio físico.

Máis recursos para a atención infanto xuvenil
Por último, lembrar neste eido da saúde mental e por mor do Día Mundial, que está en marcha a obra para a creación dunha ampla área de atención á saúde mental infanto-xuvenil, no primeiro andar do Hospital Naval do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, e que implica, entro outras cuestións, a activación dun novo Hospital de Día Infanto-Xuvenil. De xeito concreto, estase a reformar a ala 1 C do citado centro hospitalario. Esta obra acométese en dúas fases, nunha primeira fase, as obras, adxudicadas por un importe total de 400.198,50 euros co IVE incluído, correspóndese coa activación da Área de Saúde Mental Infanto-xuvenil e a xeración dun Hospital de Día para esta atención.
Nunha segunda fase, irán os espazos destinados ás consultas externas. De feito, a Xunta licitaba hai uns meses, por valor de 282.960 euros, esta segunda fase. Esta obra de reforma en global implicará que medre considerablemente a atención á saúde mental dos máis novos, destinando máis de 800 metros cadrados ó proxecto, 540 para esta primeira fase e 273 na segunda.