Os galardóns da Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega) deixan, na súa terceira edición, un premio en Neda. Natividad Villaamil, “Copi”, a técnica de Cultura do Concello, recibía este mércores en Santiago un galardón en recoñecemento polo “bo trato” que brinda a todas as compañías teatrais que pasan pola localidade.

Escena Galega, a asociación de referencia para toda a xente do mundo das artes escénicas na nosa comunidade, entregaba na Cidade da Cultura os seus premios anuais cos que distingue a profesionais e entidades que considera relevantes para o sector.
E así, o xurado desta edición recoñecía á técnica municipal “polo bo facer, polo bo trato ás compañías e pola súa maneira de traballar, sempre dispoñible e sempre atenta ás necesidades” das compañías. Copi Villaamil recollía emocionada o galardón que, como indicaba, non só valora a profesionalidade senón tamén a maneira de ser e de sentir.
Peza clave do departamento de Cultura de Neda dende fai case un cuarto de século, Copi é responsable técnica da planificación da oferta cultural, e da posta en marcha de proxectos de lecer sociocultural de Neda. Unha programación ampla, na que nunca faltan os espectáculos teatrais producidos en Galicia, e que se completa coas escolas de interpretación.

Completaron a nómina de premiados Talía Teatro (Socia de honra); A panadaría, polo seu “labor transformador nas artes escénicas”; Miguel Soto, pola súa traxectoria; A Artística – Vigo, como «proxecto de resistencia nas artes escénicas»; e a xornalista cultural Ana Romaní polo seu labor divulgador.