O Concello de Narón colabora coa Asociación de Veciños do Couto na trixésimo segunda edición do ciclo Tempo de Música, que se iniciará este domingo ás 18:00 horas no local social da Picota, no Couto.
A primeira das actuacións correrá a cargo das corais Souto de Leixa, de Meirás (Sada) e Ecos de Chamorro, de Serantes (Ferrol). Todas as actuacións musicais deste ciclo se sucederán as fins de semana, ata o 26 de outubro, no
centro cívico social do Couto e con entrada de balde. A convocatoria conta coa colaboración da administración provincial e da Federación de Corais de Galicia (Fecoga).
O vindeiro sábado día 11 actuará a Xove Banda de Narón, da Asociación Cultural Musical Sementeira e na xornada do 19 de outubro será o turno da Coral Areosa, de Piñeiros (Narón) e do grupo de acordeóns Os do Xesteira (Narón).
A última das citas programadas no marco deste ciclo será o 26 de outubro, coas actuacións de dúas formacións corais, Areas Negras, de Cangas (Pontevedra) e Amistad, da AVV do Couto (Narón).
O ciclo Tempo de Música é unha das convocatorias máis asentadas no ámbito cultural da cidade. Dende o Concello subliñouse o labor que desenvolve a entidade veciñal do Couto dende hai moitos anos para manter esta convocatoria, aberta á cidadanía e na que se pon en valor a música, neste caso das corais, bandas e rondallas.