A Deputación financia os cursos de formación da Asociación Agraria de Galicia para mellorar a comercialización dos produtos agrogandeiros

A deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán Cancelo, visitou este lúns en Santiago a sede da ASAGA, que conta con 556 socios e socias na provincia da Coruña e un total de 2.887 en toda Galicia.

A Deputación da Coruña, a través das súas liñas de axudas para entidades do rural,apoia con 11.097 euros a labor formativa da Asociación Agraria de Galicia (ASAGA) para mellorar a comercialización das producións agrarias e gandeiras. A deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán Cancelo, coñeceu de primeira man os detalles da iniciativa durante unha visita que realizou  na mañá deste lúns á sede da entidade en Santiago de Compostela.

O programa, que inclúe un ciclo de un ciclo de 18 accións formativas estase a desenvolver durante os meses de setembro, outubro, novembro e decembro, inclúe sesións presenciais cunha duración aproximada de 2,5 horas cada unha. Está dirixido ás persoas que viven no rural galego, especialmente aquelas que dispoñen de superficie cultivable e interese en mellorar a produción e a venda directa dos seus produtos.

Durante as xornadas abórdanse temas clave como o emprendemento no ámbito agrogandeiro, casos de éxito en zonas rurais similares, o papel das cooperativas, a comercialización en mercados locais e a venda en liña. Ademais, impártese formación sobre presentación e empaquetado de produtos e estratexias para reducir intermediarios no proceso de distribución.

Cristina Capelán destacou que este tipo de iniciativas «contribúen a fixar poboación no rural e demostran que é posible vivir e traballar con dignidade no campo galego, apostando pola innovación, a formación e o aproveitamento intelixente dos recursos que ten o noso rural».

As xornadas complétanse coa edición e distribución de material formativo e informativo adaptado, que se entrega tanto ás persoas asistentes como a outros produtores da provincia da Coruña. A través de proxectos coma este, a Deputación aposta por un rural vivo, produtivo e con futuro, facilitando ferramentas para que as exlotacións agrícolas e gandeiras melloren a súa competitividade e rendibilidade.

Lea también

Detenidos siete hombres por estafar miles de euros en hasta 12 ciudades españolas, entre ellas A Coruña, Ferrol y Marín

La investigación, iniciada con una denuncia en A Coruña, indica que la técnica utilizada es …