O Grupo Municipal Ferrol en Común, presenta no pleno da Corporación Municipal dúas mocións, unha versa sobre a eliminación do peche do antigo campo anexo e o arranxo dos dous campos de herba artificial da Malata.
Ferrol en Común FeC expresa o seguinte «o antigo campo de adestramento do Racing de Ferrol, anexo ao campo da Malata, dende hai anos non é utilizado polo club e presenta un lamentable estado de conservación, logo de ser obxecto de múltiples recheos e deteriorarse o aramado que o rodea, supoñendo un perigo para as persoas ademais da nefasta imaxe que se ofrece a usuarios do aparcadoiro de autocaravanas e afeccións de equipos que nos visitan».
«Por outra banda, os dous campos de herba artificial pegados á entrada de Tribuna, utilizados a día de hoxe sen ningún control de acceso por nenos e nenas, supoñen un risco notorio polas malas condicións de salubridade, a falta de limpeza e un firme que pode provocar accidentes, así como uns peches perimetrais con obxectos punzantes pola falta de mantemento».
Dende Ferrol en Común «instamos ao concello a asumir a súa responsabilidade e propoñemos»:
«A eliminación do peche do campo anexo e que se integre a súa superficie no conxunto de espazos verdes da Malata, toda vez que xa non está en uso como campo de adestramento e a entidade está a desenvolver un proxecto de cidade deportiva».
«A substitución do firme dos campos de herba sintética, instalación de porterías e pintado de liñas, e se mude o peche perimetral».
«Establecer un diálogo coa AFAFE, asociación de fútbol aficionado de Ferrol, para estudar os seus mecanismos de xestión, de forma que poida ser utilizado pola maior cantidade de persoas posible, sendo unha demanda obxectivamente crecente».
Asimesmo presenta unha segunda moción para «a reparación e reapertura inmediata do camiño do Sarxento e apertura de expediente informativo á xerencia de Emafesa».
«Logo de case catro meses e varias preguntas en Comisión de Urbanismo e Servizos, o Camiño do Sarxento, que une Serantes e Santa Mariña, segue pechado e sen ningún tipo de intervención para a súa reapertura. Un conflito entre aseguradoras non pode entorpecer o dereito ao tránsito e a circulación que todo cidadán ten como servizo esencial, e que neste caso, ese bloqueo excede con moito do que puidera ser razoable para unha reparación»
«O concelleiro do servizos recoñeceu nunha primeira comisión que a única actuación realizada en favor dos veciños e veciñas que están vendo a súa vida diaria interrompida foi un simple escrito a Emafesa instando a unha maior axilidade, como se fose unha empresa allea e non pública e participada polo concello nun 51%, e que no dia de hoxe, enmarcarado baixo unha suposta remunicipalización ficticia, se está a condonar unha cantidade astronómica aos responsables da súa creba e deixando aos seus traballadores aos pes dos cabalos».
«Nunha segunda comisión, quince días despois, o concelleiro afirma que cre que xa van comenzar»
«A desidia do goberno local pon de manifesto o modelo de xestión: obras faraónicas para vanagloria persoal que eluden a xestión dos problemas cotiás que afectan á cidadanía. Ferrol en Común considera que todas as persoas deben tratarse en igualdade, sendo os tributos iguais para todos e non pode haber diferenciación dependendo do seu lugar de residencia, e pon sobre a mesa se fose ese peche, por poñer un exemplo, entre as rúas Sol e Terra, de seguro estaría xa solucionado.»
Ferrol en Común presentou un escrito ante a Valedora do Pobo, «co fin de que se abra unha investigación sobre se existen dilacións indebidas por parte do goberno local, na prestación dun servizo de obrigado cumprimento».
Por este motivo, Ferrol en Común insta ao goberno local a:
«Desenvolver unha actuación de emerxencia con medios propios contratados de urxencia polo Concello, para reparar a vía, e logo repercutir o custo ao responsable da obra».
«Incoar un expediente informativo á xerencia de emafesa co fin de dilucidar as responsabilidades esixibles por esta omisión do deber».