A Casa da Cultura de Neda acolle este venres 26 pola tarde o segundo espectáculo que o VII Festival Internacional de Entes Animados traerá á vila. Trátase de “O urso que nâo era”, baseado no libro homónimo de Frank Tashlin, un clásico da literatura infantil. Toda unha aposta polo teatro de obxectos.
O protagonista da obra é un oso que, ao chegar o inverno, busca unha cova no bosque para hibernar. Un lugar sobre o que, meses despois, se constrúe unha gran fábrica. Ao chegar a primavera, o oso esperta e non sabe onde se atopa, porque todo cambiou. E tras ser descuberto, é obrigado a traballar como obreiro, por máis que insiste en que é un oso.
Trátase pois dunha comedia satírica, que fala da perda da identidade propia e da alienación do individuo, e na que falta o humor nin a crítica social. Dirixida polas portuguesas Márcia Leite e Filipa Mesquita, chega á vila a partir das 18:30 horas.
Será, como apuntabamos, a segunda proposta do festival, que arrincaba o pasado sábado en Neda con “As minhas mais…marionetas”, un impresionante espectáculo antolóxico da compañía lusa Trulé, que engaiolou ao público.