Canido vive unha semana chea de debate, investigación e teatro

A Asociación Veciñal de Canido xunto con outras entidades propoñen unha programación que mestura a reflexión social, a divulgación científica e a cultura, convertendo o centro cívico do barrio nun punto de encontro para a veciñanza.

Xornada do venres

A xornada máis completa será o venres 26 de setembro, cando coincidirán dúas citas. Pola tarde-noite, o Centro Cívico, e concretamente a súa Sala de Usos Múltiples, acollerá varios obradoiros da Noite Galega das Persoas Investigadoras – A GNight – , unha iniciativa coordinada pola Universidade de Vigo e que achega a ciencia a espazos comunitarios de toda Galicia baixo o lema “Conciencias creativas”.

A partir das 18:10 horas, o público poderá participar en tres talleres divulgativos dirixidos por docentes da Facultade de Economía e Empresa e do Campus Industrial de Ferrol da Universidade da Coruña. O primeiro abordará o concepto de marketing territorial e a chamada “marca cidade”; o segundo, previsto para as 19:00 horas, explicará conceptos económicos básicos como a inflación, os tipos de interese ou a débeda pública para entender mellor as noticias e conceptos básicos que se empregan no día a día; mentres que o terceiro, dende as 20:00 horas, analizará dende o punto de vista do Marketing Político o uso dos vídeos electorais nas recentes campañas ao Parlamento Europeo e ao Parlamento de Galicia. Todos os talleres están abertos a todo o público e de tódalas idades.

Tamén o venres, ás 19:30 horas, terá lugar unha nova sesión do ciclo de charlas “O barrio é noso», impulsado pola AVV de Canido e a Asociación Sociocultural Muíño do Vento. Nesta ocasión, o convidado será Ramón Montero Cereijo, arquitecto e experto en Edificación, Rehabilitación e Xestión de Proxectos, que falará sobre o
dereito á vivenda e a situación do mercado inmobiliario na cidade. Montero analizará as causas da suba dos prezos, os indicios dunha posible burbulla inmobiliaria e os efectos da xentrificación e turistificación no acceso á vivenda, especialmente no alugueiro.

Programación do sábado

A programación completarase o sábado 27 de setembro, tamén ás 19:30 horas, co regreso do ciclo teatral “Entes Animados”, que presentará a obra «Eu e que conto» da compañía Fértil Cultural.

Unha cita pensada para achegar o teatro á veciñanza e seguir dinamizando a vida cultural do barrio.

Lea también

Exponav acoge una conferencia magistral sobre la influencia de Álvaro de Bazán en la construcción naval del siglo XVI

    El museo de la Construcción Naval de Ferrol (EXPONAV) será escenario hoy miércoles …