Uns 300 deportistas participarán mañá no Acuatlón Cidade de Narón. Campionato Xunta de Galicia organizado pola Agrupación Deportiva Náutico Narón e na que colabora o Concello. A convocatoria desenvolverase a partir das 16:00 horas no paseo marítimo de Xuvia e conta coa implicación da Federación Galega de Tríatlon (Fegatri).

O campión do mundo da modalidade no ano 2024, Cristian Fernández, do Inforhouse Santiago, e a recentemente subcampiona de España Junior, Marta Novo, do Cidade de Lugo, competirán, entre outros, nesta proba deportiva.
Un total de 22 clubs estarán representados nesta competición: a maiores do anfitrión, a AD Náutico de Narón, estarán a AD Fogar, o CD Oberena (Navarra), o Cidade de Lugo Fluvial, o CD Delikia, o CN Cedeira, o Marlins (Madrid), o Mar de Vigo, o Inforhouse Santiago, o Hércules Termalia, o CN Ribeira e os equipos de tríatlon Coruña, Compostela, Poio, Vilalba, Atlántico, Atleti, Ferrol, Rías Baixas, Vilagarcía, Oviedo e Poio.
A proba disputarase nas categorías benxamín, alevín, infantil, cadete, xuvenil, júnior, absoluto e veterán, que percorrerán –nas disciplinas de natación e atletismo- tramos que van dende os 100 e 1.000 metros por auga e 500 e 5.000 metros a pé, en función de cada categoría.
A saída da proba absoluta será ás 16:00 horas e a continuación, ata as 17:50 horas, sairán as restantes. Ás 18:00 horas terá lugar unha carreira a pé non competitiva dos prebenxamíns e ás 18:15 horas procederase á entrega de premios. Haberá medallas/trofeos para os/as tres primeiros/as clasificados/as de cada categoría do campionato galego e aos tres primeiros clubs, dacordo co regulamento da Fegatri.