Inscrición en Narón nas actividades do programa “Inclusión social das mulleres”

O programa de “Inclusión social das mulleres” inclúe tres propostas para as que se abrirá este xoves 18 o prazo de inscrición, tal e como indicou a concelleira de Benestar Social, María Lorenzo.

Volve a clase, Ti + e Avanza TIC son as modalidades ofrecidas, todas elas de balde e dirixidas a mulleres empadroadas en Narón que se atopen en situación de vulnerabilidade. Todas estas accións de inclusión social impartiranse dende outubro deste ano a xuño de 2026. A actividade “Volve a clase” diríxese a mulleres desempregadas de entre 18 e 65 anos.

Alfabetización, ensinanza en español e galego para inmigrantes, preparación das probas para obter a nacionalidade española, as de competencias clave niveis 2 e 3 e as de acceso a ciclos/ESO forman parte dos contidos desta acción, que se desenvolverá na Casa da Mocidade, na Gándara. Haberá tres grupos, dous de alfabetización, con doce prazas cada un deles, e un de Competencias clave nivel 2 e 3, tamén con 12 prazas.

No que respecta ao curso “Ti +” a edil recordou que se dirixe a 12 mulleres en situación de especial vulnerabilidade persoal, social e laboral, que abordarán contidos como a adquisición de destrezas no eido persoal, sanitario, educativo e sociocomuntiario, así como no de ocio e tempo libre. As clases levaranse a cabo os martes e xoves na Casa da Mocidade, na Gándara.

A maiores, ofrécese o obradoiro “Avanza TIC”, para mulleres desempregadas de Narón de entre 18 e 65 anos. O autocoñecemento, a motivación, o empoderamento, técnicas e ferramentas de procura de emprego, introducción ás novas tecnoloxías, realización de trámites burocráticos on line, procura de emprego a través das novas tecnoloxías e contacto co mundo empresarial a través das plataformas dixitais forman parte dos contidos que se tratarán neste curso.

Ofértanse un total de doce prazas, que se impartirán na Casa da Mocidade As inscricións deben realizarse -ata esgotar prazas- a través da Sede Electrónica de Narón, do Rexistro municipal ou de calquera dos rexistros establecidos nos artigos 14.1 e 16.4, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento administrativo común das administracións públicas. Para máis información pódese contactar co Servizo Sociocomunitario Municipal, a través do número de teléfono 981 337 700 (extensións 1108 e 1115).

Así mesmo, tal e como recordou a edil naronesa, haberá un servizo de asesoramento á inscrición na Casa da Mocidade para estas actividades, de luns a venres en horario de 10:00 a 13:00 horas, dende este xoves 17 ata o día 30 deste mes. A concelleira de Benestar Social animou ao colectivo ao que se dirixen estes cursos “a inscribirse nos mesmos co fin de mellorar a súa inclusión social e ter máis facilidades á hora de poder acceder ao mundo laboral, aproveitando unha oportunidade formativa impulsada a través deste programa municipal”.

Lea también

La academia de Baile All Dance Studio actúa este sábado 31 en Narón

El Centro Comercial Odeón acoge este sábado por la tarde la exhibición de la escuela …