O BNG de Narón presenta unha moción para solicitar unha oficina do SEPE na cidade e aliviar a saturación das de Ferrol

O Grupo Municipal do BNG de Narón vén de rexistrar unha moción para o Pleno municipal de Setembro co obxectivo de que o concello conte cunha oficina propia do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE). A iniciativa xorde da «saturación evidente» que sofre a oficina do SEPE en Esteiro, «unha situación agravada polo mal remate dunhas obras que van obrigar o seu traslado ao edifcio de Correos da cidade».

Olaia Ledo

Segundo Olaia Ledo Díaz (portavoz municipal do BNG naronés) Narón, sendo a oitava poboación máis grande de Galiza con máis de 39.000 habitantes, carece «inexplicablemente» dun servizo fundamental para a cidadanía como é unha oficina do SEPE e o servizo que presta tamén a Xunta a respecto do desemprego. «Esta ausencia obriga a todos os nosos veciños e veciñas a desprazarse a Ferrol para calquera xestión relacionada co emprego, as prestacións por desemprego ou a formación», afirmou Ledo. “A situación actual en Ferrol é crítica, xa que todas as xestións e citas serán redirixidas a un espazo máis pequeno situado nas oficinas centrais de correos en Ferrol. Esta concentración de servizos non só provocará longas esperas e dificulta a obtención de citas, senón que as propias instalacións non dispoñen do espazo suficiente para atender a toda a demanda”, segundo informou o persoal traballador ao grupo nacionalista.

A proposta do BNG é «tomar unha decisión estratéxica» e aproveitar un espazo municipal non utilizado, como é o antigo centro de saúde situado na Praza de Galiza. Este edificio, debido á súa céntrica localización e accesibilidade, sería o lugar ideal para albergar a nova oficina.

A portavoz do BNG subliña que a apertura desta oficina non só beneficiaría á cidadanía naronesa, que xa non tería que desprazarse, senón tamén aos residentes de municipios próximos como Neda, San Sadurniño ou Valdoviño, que terían unha alternativa máis accesible ao saturado centro de Ferrol.

A moción solicita ao Concello de Narón tres puntos clave: instar ao goberno municipal a iniciar conversas co SEPE para estudar a viabilidade da apertura dunha oficina na cidade, ofrecer ao SEPE a cesión do antigo centro de saúde para a instalación da mencionada oficina, comprometerse a colaborar coas administracións competentes para axilizar os trámites necesarios e facer realidade este servizo.

Lea también

Unha unidade móbil para a doazón de sangue desprazarase este mes a varias ubicacións de Narón

Unha unidade móbil da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS) desprazarase catro días …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *