Marián Ferreiro reafirmou o compromiso de Terra Galega con Narón na Festa do río celebrada en Pedroso

Algo máis de medio milleiro de persoas participaron este domingo na Festa do río de Terra Galega. A área recreativa de Pedroso encheuse un ano máis de militantes e simpatizantes da formación que goberna en Narón e desfrutaron dunha xornada de confraternidade baixo unha gran carpa que se prolongou durante todo o día.

A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, dirixiuse aos asistentes antes do xantar popular para agradecerlles a súa presencia e tamén para reafirmar o compromiso de Terra Galega coas veciñas e veciños de Narón.

O secretario xeral do partido, Guillermo Sánchez Fojo, abriu unha rolda de intervencións previa ao xantar popular, na que arremeteu contra as políticas das administracións supramunicipais. As políticas da Xunta e os seus reiterados e continuos desprezos hacia as veciñas e veciños de Narón centraron o seu discurso, lamentando este tipo de actuacións que representan un importante agravio para a cidade.

A continuación tomou a palabra o coordinador local de TEGA, Ibán Santalla, que aludiu á complicada situación política dos últimos case tres anos na cidade. “Tres partidos que se funden nun só para tratar de frear o avance da oitava cidade de Galicia, facendo oídos xordos ás nosas propostas en múltiples ocasión, apoiándose entre eles co
único fin de boicotear o noso traballo e deixando de lado a súa ideoloxía co único fin de construír un muro ante Terra Galega e, o que é peor, sen importarlles o benestar das naronesas e naroneses”, asegurou. Santalla incidiu en que “somos o seu único obxectivo no Concello pero non nos van amedrentar” para asegurar que “xa lles demostramos que queremos seguir traballando, que podemos facelo e que o imos facer para seguir construíndo o futuro da nosa cidade, un futuro ilusionante, comprometedor e que continúe posicionando no mapa á nosa cidade como motor económico da comarca, unha cidade para traballar e tamén para vivir”.

Finalmente, o coordinador local de TEGA destacou o labor de Marián Ferreiro á fronte da corporación local, “o mellor exemplo que os seus compañeiros e compañeiras de corporación podemos ter e o mellor referente para continuar traballando neste mandato” e valorou antes de rematar a súa intervención confianza e fidelidade dos militantes e simpatizantes de Terra Galega.

A alcaldesa, Marián Ferreiro,  agradeceu tamén a asistencia de máis de 500 persoas á Festa do río e fixo mención ás trabas que outras administración impoñen a Narón, asegurando que “non desistiremos porque sabemos que merecedes o mellor e que esta cidade precisa seguir adiante. Ese camiño cara ao futuro queremos seguir percorréndoo con vós”. Así mesmo Ferreiro recoñeceu que “temos un compromiso coas veciñas e veciños de Narón que se mantén intacto e que cumpriremos día a día con traballo, honestidade e responsabilidade”. Antes de rematar a súa intervención a rexedora local aludiu a parte da actualidade municipal. “Acabamos de aprobar os orzamentos máis elevados da historia de Narón, de 40,8 millóns de euros; de gañar nun só ano 662 habitantes; de acadar un importante logro tras moitos anos de demandas, que a Xunta de Galicia constrúa vivendas de promoción pública nunhas parcelas cedidas polo Concello, e non pararemos ata que constrúan, igual que noutros concellos unha residencia para persoas maiores, algo que levamos anos reclamando e para o que tamén ofrecemos en reiteradas ocasións a nosa colaboración”.

As últimas palabras de Ferreiro no acto deste domingo foron, ao igual que as primeiras, para agradecer o apoio dos militantes e simpatizantes. “Sodes o motor da cidade, os ollos cos que queremos continuar vendo e contruíndo o futuro desta oitava cidade de Galicia, un futuro cargado de esperanza, ilusión, novos proxectos e de moitos momentos compartidos como esta Festa do río”.

Ao remate das intervención os asistentes gozaron dun xantar popular e unha tarde de música na área recreativa de Pedroso.

Lea también

La academia de Baile All Dance Studio actúa este sábado 31 en Narón

El Centro Comercial Odeón acoge este sábado por la tarde la exhibición de la escuela …