Militantes e simpatizantes do partido disfrutarán dun xantar de confraternidade e da música e xogos populares.
A tradicional Festa do Río de Terra Galega reunirá este domingo 14 en Narón este ano na área recreativa de Pedroso a máis de 500 persoas. Unha cita na que participarán militantes e simpatizantes da formación e na que cada mes de setembro se retoma o curso político da cidade. A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, estará acompañada na convocatoria polo secretario xeral de TEGA, Guillermo Sánchez Fojo, o coordinador local do partido na cidade, Ibán Santalla, e compañeiros da corporación local naronesa.
A Festa do Río dará comezo sobre as 13:00 horas, cando se iniciará unha sesión vermú amenizada por unha formación musical. Ao remate da música, sobre as 14:00 horas, Sánchez Fojo, Santalla e a rexedora local de Narón, Marián Ferreiro, dirixiranse aos asistentes ao acto, para a continuación dar paso ao xantar de confraternidade, a base de callos e churrasco, que se celebrará baixo unha gran carpa.
O evento continuará durante toda a tarde, cando se retomará a música e tamén se poderá participar en xogos populares de carácter interxeracional, pensados para persoas de todas as idades. Na área recreativa de Pedroso tamén se instalarán algúns inchables para nenos.
“Mantemos no tempo, dende hai xa moitos anos, esta Festa do Río porque consideramos que é moi importante poder compartir un día de confraternidade coas nosos veciños, desfrutando dun xantar popular e conversando, intercambiando opinións sobre o presente e o futuro da nosa cidade”, apuntou Ferreiro.
O feito de poder reunir na convocatoria a centos de persoas supón “un orgullo para todas e todos nós, que traballamos día a día cun obxectivo común, o de seguir facendo que Narón avance día a día, mellorando e incrementando programas, servizos, instalacións e infraestruturas e reclamando os investimentos doutras administracións para materializar proxectos como as tan demandadas vivendas de promoción pública, para as que xa cedemos os terreos, e unha residencia para persoas maiores, que esperamos que sexa canto antes unha realidade e que continuaremos reclamando á Xunta”.
A rexedora local recalcou que “escoitar ós nosos veciños é fundamental para poder traballar e avanzar nesta oitava cidade de Galicia, que no último ano gañou máis de 600 habitantes e que ronda de novo os 40.000”.