O Campus Industrial de Ferrol incorpora dous novos investigadores grazas a dúas convocatorias propias para captar e reter talento

O investigador predoutoral Leandro Alejo Rodríguez e o investigador postdoutoral Juan José Parajó veñen de incorporarse ao Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) grazas ás convocatorias “Talento en Formación” e “Talento Investigador” que promove o Campus Industrial de Ferrol da Universidade da Coruña (UDC). Ambos os dous desenvolven os seus traballos de investigación nalgunha das liñas estratéxicas do campus como poden ser a robótica industrial, os materiais, a optimización de procesos, a enxeñaría naval e offshore, a xestión industrial ou o desenvolvemento de produto.
.
Leandro Alejo Rodríguez (Bos Aires, Arxentina – 2000) é graduado en Enxeñaría Mecánica pola Universidade da Coruña (UDC), cursou o máster en Enxeñaría Industrial na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e foi bolseiro no Departamento de Enxeñaría Naval e Industrial, na empresa Viaqua e no propio Campus Industrial de Ferrol. Tamén traballou como técnico de apoio á investigación no Grupo Integrado de Enxeñaría xunto con persoal adscrito ao Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI).

Na actualidade, Leandro Alejo Rodríguez está matriculado no programa de doutoramento en Enxeñaría Naval e Industrial. Ao longo dos próximos catro anos, afondará na optimización dun proceso industrial denominado
cementación en baleiro, un tratamento térmico que incrementa a dureza superficial do aceiro mediante a incorporación controlada de carbono. Un proxecto no que traballará, man a man, co persoal da empresa COGALTRA, promovida polo Grupo Intaf e Tumbadoiro, coa participación de Mecanizados Moan, Demaq e Ipargama.

Baixo a titorización dos investigadores do Grupo Integrado de Enxeñaría da Universidade da Coruña (UDC), Anne Gosset e Marcos Lema, tratará de crear un modelo de simulación que reproduza de forma detallada todo o que ocorre dentro dun forno destas características: como se descompón o gas que aporta o carbono, como este carbono se absorbe na superficie e, finalmente, como se incorpora e se difunde cara o interior do aceiro.

Juan José Parajó (A Baña, A Coruña – 1984) é doutor en Ciencias de Materiais pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Con anterioridade, obtivo, tamén na universidade compostela, o título de licenciado en Química e cursou o máster en Enerxías Renovables e Sustentabilidade Enerxética.

Realizou unha estadía predoutoral na University of Amsterdam (UvA). Posteriormente realizaría tamén outra estadía postdoutoral na Universidade de Aveiro (UA) e outra na Universidade do Porto (UP). No ano 2016 recibiu o segundo premio á mellor tese da man do grupo especializado de Calorimetría e Análise Térmica (GECAT) das Reais Sociedades de Química e de Física de España.

Ao longo dos próximos catro anos afondará no desenvolvemento dun sistema completo de baterías máis sostible e eficiente que permita almacenar a enerxía xerada por fontes renovables tales como o sol ou o vento. Xunto co
investigador do grupo de Propiedades Térmicas e Reolóxicas de Materiais (PROTERM), Ramón Artiaga, traballará con disolventes eutécticos profundos (DES), uns líquidos biodegradables e máis sinxelos de producir que se usarán como electrolitos, tanto da súa forma máis pura coma encapsulados en materiais biopoliméricos.

Tal e como explica o investigador, os electrodos das baterías estarán feitos a partires de residuos mariños, por exemplo, cunchas de crustáceos, e de restos agrícolas, tales como as cáscaras dos froitos secos, co obxectivo de darlles unha segunda vida e reducir o impacto ambiental. En resumo, o seu traballo centrarase en optimizar estes materiais e ensamblar prototipos de baterías que combinen sustentabilidade, eficiencia e baixo coste.

Un total de 15 contratos predoc e postdoc activos desde 2022

A través da convocatoria “Talento en Formación, o Campus Industrial de Ferrol ten contratados, por un período de catro anos, a un total de 11 investigadores e investigadoras predoutorais. En xullo de 2022 incorporouse ao Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) e, máis concretamente, ao Grupo de Polímeros, Jesika Asatryan. Ao mesmo tempo, Francisco Bottero sumábase ao equipo do Laboratorio de Enxeñaría Mecánica (LIM).

Pouco despois, en novembro de 2022, Sergio Roget e José Manuel Ciriano,comezaban a traballar no Grupo Integrado de Enxeñaría e xa en maio de 2023, Sai Vempati incorporábase ao Laboratorio de Aplicacións Industriais do Láser (LAIL) e Doha Erlhoul iniciaba os seus estudos no eido da enerxía e a propulsión mariña no Laboratorio de Enxeñaría Enerxética (INGEN). En 2024 sumábanse a esta listaxe Ali Aordou, Harriet Kumi e Ánxela Ánxela Pérez, quen están desenvolver o seu labor investigador no Laboratorio de Aplicacións Industriais do Láser (LAIL), no Laboratorio de Física Nuclear e de Altas Enerxías (FINAE) e no Laboratorio de Enxeñaría Mecánica (LIM),
respectivamente. As dúas últimas persoas en incorporarse foron Ana Ortega, no grupo de Sistemas Térmicos e Transferencia de Calor (SISTER), e Leandro Alejo Rodríguez, no Grupo Integrado de Enxeñaría da Universidade da Coruña (UDC).

Pola súa banda, a convocatoria “Talento Investigador” permitiu que o Campus Industrial de Ferrol contratase, tamén por un período de catro anos, a outros catro investigadores e investigadoras postdoutorais. Así, en xullo de 2022,
Florian Michaud incorporábase ao Laboratorio de Enxeñaría Mecánica (LIM) e Zoia Haholkina ao Grupo de Polímeros. Xa en 2025 súmase a esta listaxe José Manuel Liñeira no Laboratorio de Aplicacións Industriais do Láser (LAIL) e Juan José Parajó no grupo de Investigación en Propiedades Térmicas e Reolóxicas (PROTERM).

Cada un destes investigadores e investigadoras dispón de 30.000 euros para desenvolver o seu propio proxecto de investigación. A maiores, grazas ás axudas ao Programa de Doutoramento Industrial outro estudante accedeu, en xuño de 2022 a un contrato, cunha duración mínima dun ano e máxima de tres, para realizar a súa tese en colaboración cunha empresa da contorna. Trátase de Tanausú Almeida quen traballa man a man con Coremarina Solutions.

Lea también

La UDC inicia este lunes el curso académico 25-26 con más de 13.300 personas matriculadas en alguno de los 55 grados ofertados

El próximo lunes 8 de septiembre arranca el nuevo curso en la UDC, con más …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *