O executivo galego licita este venres a redacción do proxecto e dirección da obra
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, asinou na maña deste venres xunto coa alcaldesa Narón, Marián Ferreiro Díaz, o convenio para a cesión gratuíta de dúas parcelas para a construción dun edificio de promoción pública para 91 vivendas en Narón. Situadas na avenida 3 de abril,en San Xiao, as parcelas contan cunha superficie de preto de 4.000 metros cadrados.
María M. Allegue anunciou, ademais, que este mesmo venres publicouse no perfil do contratante a licitación da redacción do proxecto e dirección de obra do inmoble, por un importe de 810.424€. O investimento total estimado que fará a Xunta de Galicia nesta actuación é de 17,1M€. A Xunta abordará a construción destes novos fogares a través da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia.
A conselleira salientou a colaboración cos concellos para acadar máis solos para a promoción de vivendas públicas con acordos coas administracións locais de Carballo, Lugo, Pontevedra, A Coruña, Vilagarcía, Ames, Lalín e A Estrada, entre outros.
A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas destacou que o Goberno galego “ten un firme compromiso coa veciñanza de Narón, cidade referente en Ferrolterra e un dos pulmóns económicos da comarca” e recordou que a Xunta tamén ten en marcha a conversión de baixos comerciais de titularidade autonómica a vivenda na cidade, que darán como resultado 14 novos fogares públicos.
Nesa liña, a conselleira salientou que a Xunta está a redobrar esforzos para facilitar o acceso á vivenda, a través de distintas vías. En canto á construción de nova vivenda protexida, o Goberno galego conta con máis de 2.800 fogares en marcha, en diferentes fases de tramitación.
A alcaldesa, Marián Ferreiro, que estivo acompañada doutros representantes da corporación municipal e de persoal técnico do Consistorio, valorou a receptividade da Consellería de Vivenda ao ofrecemento dos terreos por parte do Concello, o que permitirá construír a edificación e atender unha importante demanda na cidade.
Ferreiro destacou a relevancia da colaboración entre administracións para poder materializar este tipo de proxectos e recordou tamén outra das demandas do goberno local á Xunta de Galicia, unha residencia para persoas maiores. A propia rexedora local trasladou en reiteradas ocasións á administración autonómica esa necesidade e ofreceu
terreos para poder materializar o proxecto.
En canto ás vivendas de promoción pública amosou tamén o seu desexo de que se poidan construír “o antes posible” para poder poñelas a disposición da cidadanía.