Valdoviño mellora o firme dos camiños da Bedoxa e Donelle-A Furada cun investimento de 69.473,17€

O alcalde, Alberto González, avanza que as obras, en fase de contratación, financiaranse con cargo á liña de subvencións de Agader.

O Concello de Valdoviño procederá ao acondicionamento do camiño da Bedoxa, en Sequeiro, e do camiño entre Donelle e A Furada, en Loira, con cargo ao Plan Camiña Rural 2025-2026, que impulsa a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader).

O alcalde, Alberto González, informou que a Administración local vén de sacar a contratación os traballos, nos que investirá 69.473,17 euros. As empresas interesadas en executar as obras poderán presentar as súas ofertas ata o 23 de setembro, e consultar os pregos na plataforma de contratación do sector público.

As intervencións permitirán mellorar o firme dos dous viais, que dan servizo a parcelas agrícolas e gandeiras, tal e como establece a liña de subvencións que permitirá financiar as obras. En Sequeiro, actuarase ao longo dun tramo cercano ao quilómetro, namentras que en Loira, a intervención estenderase ao longo de algo máis de quilómetro e medio.

As tarefas previstas contemplan a roza dos ribazos, cunetas ou vexetación invasiva, para seguidamente executar a limpeza de cunetas colmatadas, en toda a súa lonxitude por ambas marxes dos viais, así como a limpeza de canos e bordos carcomidos. Así mesmo, procederase ao acondicionamento do firme dos camiños, completando as intervencións coa instalación de sinalización vertical.

Lea también

Cedeira ofrece rutas guiadas gratuítas sobre o patrimonio mariñeiro

Durante o domingo 19 e o martes 21 de outubro terán lugar as rutas guiadas …