Este xoves ábrese o prazo para anotarse, a través do teléfono 981390233.
O Concello de Neda organiza no marco das actividades da Festa do Pan 2025, que terá lugar o primeiro domingo de setembro, unha visita interpretativa ao muíño do Carrizo, en plena rehabilitación. A proposta, para a que xa se atopa aberto o prazo de inscrición, está fixada para o día antes da emblemática cita gastronómica.
Esta proposta cultural permitirá ás persoas participantes saber un pouco máis, a través do caso concreto deste muíño, sobre os históricos aproveitamentos do río Belelle que, no seu día, foron fundamentais para o desenvolvemento da industria panadeira e para o desenvolvemento económico da vila.
A actividade, cuxo inicio está previsto para as 10 horas do 6 de setembro, comezará cunha pequena camiñada á beira do río dende a Área recreativa de Maciñeira. Un percorrido que permitirá observar elementos esenciais para entender o funcionamento do muíño.
Despois, da man de Xavier Pujol e Manuela Calderón, propietarios dende hai varios anos do inmoble, quen participe na visita coñecerá a historia do que foi a mediados do século XIX a fábrica de papel da Mourela, cos anos reconvertida nun muíño fariñeiro, que se mantivo activo ata a década dos 80. Poderá tamén observar o que se conserva destas dúas etapas históricas, e descubrir o proxecto de recuperación que impulsa esta parella de educadores chegados dende Aragón.
Os veciños e visitantes interesados en sumarse a esta iniciativa de posta en valor do patrimonio etnográfico de Neda terán que inscribirse ata o 4 de setembro ao teléfono 981390233 (en horario matinal). A proposta, incluída na programación especial da Festa do Pan, é totalmente gratuíta e conta con prazas limitadas.