Na súa penúltima xornada o festival Jazz de Ría programa en Cedeira unha xornada moi centrada nas voces; dun lado a forza vocal do Coro da Ra e doutro a voz de Faia Díaz como convidada do novo proxecto jazzístico de Xan Campos.

Abrirá a xornada deste lúns o Coro da Ra ás 19:00 horas con 50 voces mixtas dirixidas por Ramón Bermejo e dispostas a emocionar o público que se achegue ao Parque dos Patos cun repertorio de versións de música vocal que van desde os Beatles, os Beach Boys ou Queen, ata Pink Floyd, Stevie Wonder, Frank Zappa ou Earth, Wind & Fire, pasando por A.C. Jobim, Caetano Veloso, Chico Buarque ou Marisa Monte; pero que tamén inclúe pezas tradicionais galegas, as grandes cancións de Andrés do Barro, Fran Pérez “Narf”, ou Pepe Sendón e ata a súa propia versión do Himno galego.
Pola noite, no Parque de San Isidro, descubriremos o novo traballo do pianista cangués Xan Campos, quen despois de publicar cinco discos, de participar en decenas de festivais de Europa e América Latina e de colaborar con algunhas das figuras máis importantes do jazz internacional, dá unha nova viraxe musical nesa clara vontade súa de fuxir do establecido presentando Amorodios, o seu proxecto máis recente no que por primeira vez inclúe temas cantados. Para poñerlles voz, decidiu contar con Faia Díaz, que inevitablemente conecta o jazz coa tradición oral galega a través do timbre da súa voz e do fraseo das melodías vocais compostas para acompañar as cancións deste traballo que era agardado con gran expectación e que o público de Cedeira terá a oportunidade de coñecer nunha das súas primeiras postas en escena. Completan a banda dous músicos fundamentais do jazz galego: o batería Iago Fernández e o guitarrista e baixista Virxilio Da Silva.
Pecharase así a cuarta xornada do festival que o martes collerá rumbo a Valdoviño para rematar esta novena edición cun roteiro polos Balcóns ao Atlántico guiado por Xurxo Souto e o delicioso concerto de Copos de Avena ao solpor na praia do Baleo.
O Jazz de Ría está organizado por Luneda Producións e promovido polo Padroado da Cultura do Concello de Narón, o Concello de Neda, o Concello de Cedeira e o Concello de Valdoviño, coa colaboración da Deputación da Coruña a través da Rede Cultural, e AIE (Artistas en Ruta).